As familias adiarán o inicio do curso en Cervo “por seguridade” ao non darlles Educación “solución” ás obras

No Ceip nº 1 de Foz, os pais valorarán in situ se deixan aos pequenos no centro educativo, onde só se poderá usar un edificio polo atraso na reforma

O Ceip de Cervo, en obras. AXM

O inicio do curso escolar 2019-2020 adiarase no Colexio de Ensinanza Infantil e Primaria (Ceip) de Cervo, onde as familias rexeitan levar os nenos á escola despois de que a Consellería de Educación non lles ofrecese “unha solución” ás obras de rehabilitación do centro educativo, que comezaron a mediados do pasado mes de xullo e que distan de estar rematadas. No Ceip nº 1 de Foz, a apertura do calendario escolar prevista pola Xunta de Galicia para este mércores está tamén en entredito, dado que os pais decidirán se deixan aos pequenos despois de comprobar por si mesmos a situación.

En Cervo, onde a Asociación de Nais e Pais (Anpa) dubidara da idoneidade das instalacións para este 11 de setembro, un total de 112 persoas -o centro educativo ten arredor de 130 alumnos– asinaron un escrito enviado á Consellería de Educación para esixir alternativas ante o retraso das actuacións.

Este martes, a xefa territorial de Educación, Mariña Gueimunde, visitou o centro con representantes da Anpa, que comprobaron que “a primeira hora da tarde había aínda moito traballo que facer“.

AULAS POR LIMPAR E EQUIPAR

Así, o colectivo expón de novo as súas dúbidas ao compromiso da Xunta de “habilitar todas as aulas” este mércores. Resalta que persoal do Concello está a redobrar esforzos para “limpar as clases mentres seguen as obras noutras“, polo que “alumnado con asma pode ter problemas”.

Trala limpeza a contrarreloxo, aínda faltaría equipar as aulas para poder comezar. “O alumnado de quinto e sexto curso ten moito material dixital e non cremos que poida empezar como é debido”, sinala a agrupación.

A COCIÑA DO COMEDOR, “INUTILIZABLE”

Ademais, a cociña por agora está “inutilizable”, polo que no comedor servirase un cátering, e espazos como o patio infantil terán que illarse mediante valos, o que fai temer aos pais que poida ocorrer algunha incidencia. Os cuartos reservados ao profesorado e administración “serán do último que se poida habilitar”.

Finalmente, tampouco poideron coñecer nin sequera o último día antes do inicio do curso ao anexo ao plan de seguridade elaborado pola Consellería.

RESPALDO UNÁNIME DOS PAIS E NAIS

As familias aseguran valorar unha rehabilitación “moi necesaria” que se licitou en máis de 900.000 euros, unha contía similar á que custa a reforma do colexio focego. Con todo, non entenden “a insistencia” da Xunta en comezar as clases o mércores, mesmo cando o propio Goberno galego admite que hai centros que precisan de “quince ou 20 días” para estar “en perfecto estado”.

Desde o colectivo de nais e pais remarcan que a decisión de non levar aos nenos “está por riba da Anpa” xa que conta cun respaldo unánime das familias, e salientan que se trata “dun tema de seguridade e de hixiene, non de incomodidade ou de menores servizos no inicio do curso”. De feito, insisten en que alumnos e pais son os principais prexudicados da situación, ao ter que buscar saídas para que quede alguén cos pequenos en días laborables.

ACEPTAR, “UN ACTO DE IRRESPONSABILIDADE”

Deste xeito, pais e nais acudirán sós ao colexio para o inicio -9.30 horas-, nunha visita na que comprobarán o estado das obras. Continuarán sen levar os pícaros “ata que comprobemos que o centro está como ten que estar”, porque do contrario sería “un acto de irresponsabilidade“.

EN FOZ, O INICIO, PENDENTE

No Ceip nº 1 de Foz, onde o atraso nas obras -como en Cervo, licitadas en maio e iniciadas na segunda quincena de xullo cun prazo de execución de tres mesesnon permitirá utilizar un dos dous edificios do centro educativo, a Anpa decidiu agardar ao inicio de curso para tomar unha decisión, posto que “por agora non temos motivos para desconfiar” da palabra dada pola Consellería de que non haberá “alteracións importantes” da actividade educativa.

A directiva da Anpa quere ver “polos seus propios ollos o centro” e valorará in situ -ás 10.00 horas deste mércores- se deixar ás crianzas na escola.

CEIP VIRXE DO CARME

En Burela, tamén houbo obras no Ceip Virxe do Carme, onde o pasado ano a comunidade educativa protestou polo deterioro do centro. As actuacións, neste caso, licitáronse no mes de marzo e comezaron ao rematar o curso 2018-2019, a finais de xuño.

Deste xeito, mentres que o claustro do Ceip de Cervo tivo que preparar ata os últimos días o comezo no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao e o do nº 1 de Foz traballou desde a escola de música, no centro burelao o profesorado leva máis dunha semana exercendo nun dos tres edificios do colexio e non se esperan incidencias relevantes para o inicio do curso.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here