A variante de Viveiro ou as EDAR, as “débedas” coa Mariña que elude a Xunta, segundo o PSOE

Os socialistas consideran que os orzamentos presentados polo Goberno galego para 2020 demostran que a provincia de Lugo "é a Cinsenta de Feijóo"

Circulación polo centro de Viveiro. GOOGLE MAPS

O PSdeG-PSOE de Lugo fixo balance dos orzamentos da Xunta de Galicia para o exercicio 2020, que ao modo de ver dos socialistas son “ciencia ficción” e “unha tomadura de pelo”, pois “non responden ás necesidades dos lucenses” e “non saldan débedas históricas coa provincia”.

A secretaria provincial e deputada autonómica, Patricia Otero, e o presidente da Deputación, José Tomé, anazalizaron este xoves xunto á alcaldesa da capital de provincia, Lara Méndez, os presupostos presentados polo Executivo galego.

Para Otero, as contas son “un copia e pega de orzamentos doutros anos, con partidas irrisorias que non serven para nada”.

Deste xeito, fixo fincapé na variante de Viveiro, “pola que levamos máis de once anos esperando, é o único que fixo o PP foi mudar ese trazado consensuado cos veciños, especialmente en Magazos, e deixando o orzamento á metade do previsto inicialmente”.

No que se refire ás partidas de Augas de Galicia, Otero cita como exemplo a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Burela, que “custaría máis de seis millóns de euros pero o gasto previsto para este proxecto é de 250.000 euros. O mesmo sucede en Foz, cunha cantidade irrisoria de 500.000”, unha cuestión que criticou o alcalde focego, o tamén socialista Fran Cajoto.

No tocante á dragaxe de Viveiro-Celeiro na partida de Portos de Galicia (1,2 millóns), afirma que é “algo que se leva reclamando desde fai máis de dez anos, estaremos vixiantes para saber canto se executa da mesma”.

Otero tamén remarcou que a dragaxe do Porto Chico de Foz, actuación que contou ata dúas veces con unanimidade parlamentaria na Cámara galega, non terá reservada partida para o vindeiro 2020, unha decisión criticada pola asociación A Ribeira.

PRESUPOSTOS DE “COPIA E PEGA”

O desdobramento do corredor Sarria-Nadela, os “corta e pega” na cantidade destinada para o Porto Seco de Monforte ou para o Plan Paradai ou os “300.000 euros cando serían necesarios 22 millóns” para a rolda leste de Lugo son algunhas das cuestións denunciadas polos socialistas, para quenes a provincia é “a Cinsenta” do PP. “Debe ser porque non goberna en ningunha das tres grandes vilas”, argumentou Tomé.

OS POPULARES COMPARAN AS CONTAS COAS DO BIPARTITO

Os populares, pola súa banda, insistiron en que as contas elaboradas polo Goberno Feijóo para o ano próximo “multiplican por once o investimento que o último Goberno bipartito destinou á provincia de Lugo”.

Desde o PP aseguran que o investimento por lucense consignado polo último goberno de socialistas e nacionalistas era de “374 euros por lucense“, unha cantidade “moi inferior ao investimento previsto nas contas autonómicas de 2020, que elevan esta cifra ata os 4.252 euros por lucense“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here