Llano oponse á supresión da venta de billetes en Burela e avoga por recuperar a Comisión do Ferrocarril

O rexedor cre que os postos de traballo "deben ser un reflexo de que se aposta polo servizo"

Chegada do tren á estación de Burela. OLIVIA A. VIDAL/FACEBOOK

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, opúxose este mércores á supresión da venta presencial de billetes na estación de tren, que Renfe executou a principios desta semana tanto na localidade burelá como en Viveiro, ademais de noutras seis vilas galegas.

Llano lamentou que “hai un anuncio, que está posto na estación de Burela, de substituír a unha persoa que despachaba os billetes por una máquina. Xustifican esa medida para aquelas estacións nas que haxa menos de cen usuarios diarios. Isto non vai na filosofía que nosoutros queremos aplicar, que é unha mellora integral de todo o servizo, con mellores trens, con horarios completos, con máis proximidade á xente como o tren que temos reclamado entre Ribadeo e Viveiro, que podería facer moi boa labor na nosa comarca”, afirmou.

“Estamos pedindo que se mellore todo de forma completa, as estacións, as vías, as pontes e todo aquilo necesario para ter un servizo con futuro. Todo iso non vai co anuncio de substituír unha persoa por unha máquina cando os postos de traballo deben ser un fiel reflexo de que se está apostando por un determinado servizo”, argumentou Llano.

DEMANDA DUNHA “MELLORA” DA LIÑA

O rexedor considera necesario “seguir apostando por uns servizos públicos de calidade” e avoga por recuperar as xuntanzas e o traballo da comisión do ferrocarril constituída no seu día por Concellos da Mariña, de Ortegal e de Ferrolterra con representantes da Xunta de Galicia, de Adif e de Feve.

“Hai que recuperar aquelas conversas que víñamos tendo, sempre procurando que o servizo de vía estreita se manteña con interese e que realmente se vexa que se están facendo as cousas na medida de procurar unha mellora integral do tramo desde Ferrol ata Asturias”, expuxo.

Esta comisión, cunha maioría de rexedores da zona de Ortegal, serviu para mellorar a frecuencia de horarios no norte da provincia da Coruña, pero non na Mariña, dado que a propia Renfe recoñeceu que a reclamación por parte das institucións foi de menor intensidade na bisbarra.

Llano ve no ferrocarril “un instrumento válido para o desenvolvemento integral da Mariña tanto no transporte de viaxeiros como de mercancías, como un bo método para facer trens de interese turístico. En canto agora se consolide o goberno do Estado e poidamos volveremos restablecer esas reunións para procurar, entre todos, estar constantemente preocupados e reclamando que este servizo público non soamente se manteña senón que se mellore”, conclúe.

URXE Á XUNTA A INICIAR AS OBRAS NA ESTACIÓN

O alcalde de Burela reclama que durante este mes de xaneiro dean comezo as obras de mellora na estación de autobuses e de tren, que foron anunciadas hai algunhas semanas pola Xunta de Galicia.

Llano considera que “é importante para Burela un arranxo e unha mellora na estación de tren e de autobuses que temos na nosa vila. Pensamos que é unha necesidade urxente, xa debera estar feita esa obra porque, a medida que pasa o tempo, si que se ve deterioro e falta de mantemento”.

O rexedor lembrou que o proxecto inclúe melloras “o asfaltado do estacionamento de autobuses, a pintura da propia estación e melloras no interior en luces e mobiliario. Quedaramos que en xaneiro ían comezar as obras e agardo que este mes, a partir da segunda quincena, empecen estas obras que tanto tempo levamos esperando por elas”, rematou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here