IniciosociedadeA hostalería, preocupada polo agora e o despois: "levo 40 anos nisto...

A hostalería, preocupada polo agora e o despois: “levo 40 anos nisto e nunca vivimos unha situación así”

Cunha previsión mínima de dous meses sen facturar, os titulares de bares e restaurantes cren que o máis duro é a incerteza de non saber cando reabrirán nin como poderán traballar

Publicada o

- Advertisement -

A practicamente un mes -cumprirase o vindeiro día 14- da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus, en plena Semana Santa, un período que supón un revulsivo económico, e cando parte dos sectores non considerados esenciais volverán ao traballo o vindeiro luns, o sector da hostalería capea como pode o vendaval que supuxo a pandemia, coa caída na maioría dos casos da totalidade dos ingresos. Co verán no punto de mira, preocupa o despois, como poderán bares e restaurantes traballar unha vez se levante a restricción ao movemento das persoas. A frase é unánime: “fomos dos primeiros en pechar e seremos os últimos en abrir”. E veredicto dos máis veteranos tamén: “é a peor situación que vivimos”.

CAÍDAS DA FACTURACIÓN “DUN 40%” RESPECTO AO PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2019

Rubén Pinín, que rexenta a cervecería e viñoteca O Traste e o Contraste Food & Drinks, en Burela, expón que a facturación dos seus negocios no primeiro trimestre do 2020 caerá “arredor dun 40%” con respecto á do mesmo período do ano anterior.

A súa, con oito traballadores, foi unha das 3.829 empresas da provincia que se acolleron a Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Erte) desde que se decretou o estado de alarma. Segundo a Consellería de Emprego, estas solicitudes afectaron a 13.582 obreiros de Lugo. O hostaleiro burelao continúa como autónomo.

Tantos días sen ingresos fanse costa arriba pola dimensión dos gastos fixos. Ao iniciarse a crise fixo un plan de continxencia que estima un desembolso de “6.000 euros mensuais só para abordar os servizos mínimos da miña empresa. O subministro enerxético pode rondar os 500 euros, simplemente mantendo activos os conxeladores e as neveras”, indica.

Contraste. FACEBOOK/CONTRASTE

O gasto máis preocupante, sinala, é o aluguer. “Son dous locais con propietarios diferentes e tentaremos chegar a acordos”, sinala.

“Toca mirar como refinanciarnos”, admite. No seu caso, solicitou acollerse a unha das liñas que o Goberno concede a través do Instituto de Crédito Oficial (ICOs), “co 80% do aval do Estado, que me parece unha boa  medida”.

AS TRES GRANDES PREGUNTAS

“Os bares son sitios de socializar e o que máis preocupa é como será a saída, o pos-coronavirus”, indica o hostaleiro burelao, que resume as preguntas que se fai o sector. “Vai haber restriccións de aforo? Vai ter medo a xente a tomar unha caña ou un café preto dalguén? Cos problemas socioeconómicos que vai haber, van dispoñer de diñeiro para saír coma antes e gastar na hostalería?”, inquire.

Pinín solicita axudas “a nivel municipal. Parece que o Concello de Burela ten un superávit importante e deberamos atopar unha fórmula para apoiar ás pequenas e medianas empresas, que cotizan e dan emprego e vida ao pobo; hai gobernos locais que o están a facer e penso que sería un investimento que habería que abordar nunha situación de emerxencia”.

Lamenta que “despois de pasar os peores meses do ano, xaneiro e febreiro”, toque agora “unha situación así, xusto antes dunha Semana Santa que habitualmente é moi boa para a hostalería”.

UN RESTAURANTE FAMILIAR: “ABRIMOS EN NOVEMBRO E NON ENTRAN INGRESOS NIN POR UN LADO NIN POR OUTRO”

Felipe Fernández Barcia, titular do restaurante A Horta de San Roque, Ribadeo, relata as consecuencias para un negocio pequeno e familiar. “Somos un matrimonio con outros tres traballadores, polo que nin por un lado nin por outro entra ningún ingreso na casa”, lamenta.

A situación agrávase, indica, polo curto tempo de vida do establecemento. “Levabamos abertos desde novembro. Somos unha parella con experiencia no sector da hostalería. Tiveramos antes unha experiencia como empresarios en Barreiros pero decidimos seguir traballando por conta allea, e o ano pasado ano animámonos outra vez. Parece que non tivemos sorte coa elección. Arrincaramos ben, pero despois do investimento inicial feito, isto vai ser como volver abrir”, remarca. Confiaban na Semana Santa para darlle un impulso a un negocio novel, o que non vai ser posible.

“Nós solicitamos un Erte para os nosos tres traballadores. Non estamos nin facendo comidas para levar, porque non nos pareceu nin rentable nin tampouco unha opción segura nin para empregados nin para clientes”, expón o empresario.

O punto de mira céntrase no verán, a carta que queda por xogar este ano, pero “dubidamos que se normalice todo de cara a abrir a pleno rendemento en xullo. Preocúpanos que non haxa un período de adaptación para a xente”, argumenta Fernández Barcia, que concreta que papra un negocio pequeno, as posibles limitacións de aforo “sería mermar ata un punto moi complicado a nosa rentabilidade”.

O hostaleiro agradece que o propietario do local perdoou o aluguer, pero “os gastos fixos seguen entrando; autónomos, auga, luz… Podemos andar polos 3.000 euros, e hai que ter en conta a mercancía perecedoira. Nós traballamos peixe fresco e a maior parte da comida que conxelamos non se vai poder usar en carta”, salienta.

AS LIÑAS DO ICO “NON SON UNHA SOLUCIÓN PARA NÓS, É ENDEBEDARNOS MÁIS”

Fernández Barcia non ve os créditos do ICO “como unha solución. Para nós é endebedarnos, meter outra pedra na mochila que xa temos, e sen saber como vai ser a situación a posteriori preferimos non sobrecargarnos”, sostén.

Consultado sobre a axuda que reclamaría das Administracións, pide axilizar a devolución do IVE. “Nós temos unha cantidade grande importante que nos deben devolver, e quizais poderían comezar por aí, porque sería un balón de osíxeno. Non pedimos cartos a fondo perdido, se non algo que non é noso. Deberían inxectalo agora, porque se non pode ser tarde“, reclama. Tamén “que nos teñan informados, porque creo que somos quizais o colectivo máis desinformado; ou tiras de teléfono e estás constantemente chamando, ou quédaste atrás. Creo que moitas empresas non van volver abrir“, prevé.

UNHA POLBERÍA AMBULANTE SOFRE AS CANCELACIÓNS

Cesáreo Eijo, empresario de Xove, ostenta un negocio de carpas e cátering, a popular polbería ambulante Mario e restaurantes en Xixón e Oviedo. Entre estes dous últimos establecementos daba emprego a 52 persoas; unha metade entrou no Erte solicitado e a outra perdeu o seu traballo. Os gastos fixos das súas empresas rondan “os 50.000 euros mensuais”.

A polbería Mario é un clásico das festas e romerías en Galicia e Asturias. Nas grandes celebracións, sinala Eijo, o seu funcionamento require de 22 traballadores. “En cuestión de feiras, a situación é complicada; anulouse o Mercado da Primavera, hai que ver o que ocorrerá coas Quendas de Mondoñedo… Non sabemos o que vai pasar cos eventos de grandes acumulacións de xente, como poden ser As San Lucas ou o Naseiro. Non se me ocorre como se vai limitar aforo nunha desas celebracións. Se é así, probablemente contratariamos a metade do persoal”, confesa.

Respecto da mercancía desaproveitada, sinala que mercou para os seus dous restaurantes e para o negocio ambulante “unhas oito toneladas de patacas en Xinzo de Limia, recén compradas. Houbo que regalalas, non hai maneira de revendelas”, lamenta.

PREOCUPACIÓN POLA PSICOSE: “CANDO AS VACAS TOLAS, NINGUÉN COMÍA TENREIRA”

“O comezo será complicado”, prognostica. Preocúpalle a sensación de “psicose” que poida haber nos vindeiros meses, unha vez se levante o estado de alarma, se a emerxencia non se contén. “Cando foi a crise das vacas tolas, non se comía unha chuleta de tenreira nin regalada”, lembra. “Unha vez que haxa poucos infectados e nos dediquemos a curar os enfermos, a situación será diferente, pero antes?”, pregunta.

Eijo é empresario de hostalería desde hai 40 anos. “Este é o peor momento, sen dúbida ningunha. A crise do 2008 non foi nada comparado co que será isto. De feito, eu non o pasei tan mal como outros compañeiros, porque os nosos restaurantes teñen prezos asequibles. Foi un pau para a xente que se centra na carta, pero as feiras non se resentiron”, recorda.

O DONO DE GALIPIZZA: “PROBABLEMENTE TEREI QUE SACRIFICAR ALGÚN NEGOCIO”

Da mesma opinión é José Manuel Vázquez, “Leman”, responsable da cadea de comida rápida delicatessen Galipizza –que ten os selos Galicia Calidade e Q de Calidade-, con establecementos en Vigo, Santiago, Culleredo, Viveiro e Ribadeo, e de Dékada e As Tixolas, tamén en Covas. Empresario do sector desde o 1993, afirma que “nunca afrontei unha situación coma esta e probablemente terei que sacrificar algún dos meus negocios”.

Os seus sete establecementos daban emprego a 130 persoas. Acolleuse a un Erte e unicamente mantén a entrega a domicilio en Galipizza Viveiro e Galipizza Santiago, pois no Dékada “tentamos repartir e aos poucos días vimos que non funcionaba”.

VIVEIRO, SEN SEMANA SANTA QUE CONGREGA A DECENAS DE MILES DE TURISTAS

A Semana Santa de Viveiro, que o ano pasado congregou no municipio a uns 40.000 turistas, é sempre un bálsamo para a hostalería viveirense, polo que a decepción é maior. “Tiñamos contratada xente de reforzo desde o Entroido, para que foran aprendendo e adaptándose ao ritmo de traballo, e telos formados de cara a esta época do ano. Así que esta situación cólleme incluso con máis obreiros do habitual”, concreta. Así as cousas, non valora “contratar dez persoas a maiores, iso só nos locais de Covas, como faciamos todos os veráns”.

Un grupo, ceando en Galipizza Ribadeo. GALIPIZZA

“FALTA INFORMACIÓN” SOBRE O LEVANTAMENTO

O hostaleiro cre que “falta información” por parte do Goberno central de cara á actividade da hostalería, o que lles impide facer algún tipo de plan a medio prazo. “Non pido que nos digan cando nos van deixar abrir, pero igual si como pensan facer o levantamento do estado de alarma. No meu caso, se polas restriccións só podes traballar ao 50%, tes que botar á metade do persoal”, expón. “Os nosos locais son pequenos e acumulan moita xente, no ‘Resu’ hai mesas de catro persoas nas que comen sete, e cremos que iso non o van permitir as autoridades sanitarias”, prevé.

Pon outro exemplo: “As Tixolas é un local de 90 metros cadrados, con oito ou dez mesas, se me mandan reducir aforo xa non o abro. É un negocio que se sostén con verán e Semana Santa, aguantas o resto do ano como podes”, resume.

No tocante ás axudas comprometidas, “Leman” considera que “non acaban de chegar, hai cousas aprobadas desde hai 15 días pero eu solicitei e por agora non as recibín. Non lles pido nada máis que o que comprometeron, pero si que axilicen o que vaian inxectar“, conclúe.

“O PEOR VERÁN DA HISTORIA”

O sector hostaleiro estima que a caída da facturación anual dos seus negocios, como consecuencia da crise do coronavirus, podería situarse ao redor dun 30 ou un 40 %. Esta é unha das conclusións da enquisa que realizou Hostelería de España, a patronal do sector na que está integrada a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

A Apehl destaca que “o 93,02 % dos hostaleiros afirma que tivo que cesar totalmente a actividade, mentres que o 4,66 % cesou definitivamente o seu negocio e tan só o 2,33 % mantivo servizos de entrega a domicilio”.

Os resultados da enquisa son un reflexo da percepción do sector hostaleiro, que xa presaxia que imos vivir o peor verán da historia do noso país e estima que as consecuencias económicas vanse prolongar ao longo de todo o ano. Ante isto, desde a Apehl finalizan instando o Goberno a que “escoite as peticións dos negocios hostaleiros, a inmensa maioría formada por autónomos e pequenos cadros de persoal, porque necesitan que se tomen medidas de urxencia se non queremos levar á quebra a este sector tan importante para a economía e a sociedade española”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...