IniciosociedadeViveiro despide unha Semana Santa "memorable", con 40.000 visitantes

Viveiro despide unha Semana Santa “memorable”, con 40.000 visitantes

As cofradías destacan que o tempo só prexudicou a 2 de 15 procesións, mentres que o Concello remarca que a ocupación hoteleira "foi do 100%"

Publicada o

- Advertisement -

Os cofrades recollían este luns no claustro da Igrexa de San Francisco os grupos escultóricos que luciron nas celebracións relixiosas da Semana Santa de Viveiro.

É o punto final a unha semana “memorable. Practicamente todas as procesións puideron saír e as imaxes mostráronse en todo o seu esplendor, como queriamos”, resume Mari Carmen López, “Chipe”, voceira da Xunta de Cofradías.

Só dúas das 15 comitivas se viron condicionadas polo tempo, a do Ecce Homo da Misericordia, que culminou co Via Crucis na Igrexa de San Francisco, e a do Encontro, que se celebrou tamén no interior do templo.

A representación do episodio bíblico con figuras articuladas, “unha das xoias” da Semana Santa, celebrouse o Venres Santo na Igrexa de San Franscisco, “ateigada de xente”.

ata 1.500 persoas participaron na procesión da paixón, organizada pola cofradía do cristo da piedade, que cumpriu 75 anos

Outro dos momentos culminantes viviuse esa mesma noite na procesión da Paixón, organizada pola cofradía do Cristo da Piedade, que cumpriu 75 anos. No acto desfilaron pasos das oito cofradías viveirenses, portados e acompañados por “máis de 1.500 persoas“. Chipe subliñou o “silencio sepulcral” que acolleu a interpretación do ‘Ave María‘ na Praza Maior.

Arredor de 3.500 cofrades participaron nos actos da Semana Santa viveirense, segundo a organización.

REIVINDICAN UN MUSEO SACRO

As procesións saíron un ano máis da sala habilitada no claustro de San Francisco, onde que os grupos escultóricos estiveron expostos durante toda a Semana Santa.

Pola carpa pasaron “unhas 20.000 persoas“, segundo a Xunta de Cofradías, que demanda a creación dun museo sacro que acolla a “riqueza da imaxinería e a tradición” da celebración relixiosa en Viveiro.

“unhas 20.000 persoas” pasaron pola exposición de esculturas habilitada no claustro de san francisco

RELEVO XENERACIONAL

Os organizadores tamén amosaron a súa satisfacción pola participación da mocidade nos actos relixiosos, como levadores de imaxes e nas bandas de tambores que acompañan os pasos.

“Case todas as procesións teñen unha sección de nenos. Son a garantía do noso relevo“, destacou Chipe.

“A maioría das imaxes teñen lista de agarda. A xente está desexosa de portalas nas procesións, de forma voluntaria, cando antes mesmo se pagaba por levalas”, lembrou a cofrade.

PARTICIPACIÓN DE ASPANANE

A Semana Santa comezaba, de feito, coa incorporación ás celebracións de usuarios de Aspanane, que participaron na “tamborrada” integrándose coas oito bandas que fixeron resoar a Praza Maior o pasado luns e tamén na procesión da Irmandade do Prendemento.

Unha experiencia “moi positiva”, afirma Chipe, á que desde a Xunta de Cofradías agardan dar continuidade nos vindeiros anos.

Usuarios de Aspanane na “tamborrada” do pasado luns. AXM

40.000 VISITANTES

A Semana Santa, declarada de Interese Turístico Internacional, confirmouse como un reclamo para atracción de visitantes.

O Concello estima que  “unhas 40.000 persoas” se achegaron a Viveiro durante os días das celebracións relixiosas.

Desde o consistorio destacan a ocupación hoteleira, que acadou o 100 por cento, e o “balance altamente positivo da hostalería e do comercio”.

a oficina de turismo viveirense rexistrou 5.000 visitas, con turistas de ata dez países diferentes

Na oficina de turismo rexistraron 5.000 visitas, de persoas chegadas “das 17 comunidades autónomas e de dez países diferentes“.

Imaxe do Via Lucis. AXM

ÉXITO ORGANIZATIVO

A alcaldesa, María Loureiro, felicitouse polo “gran éxito da Semana Santa” que, engadiu, “confirmou a tendencia dos últimos anos superando as mellores expectativas e aumentando o número de visitantes”.

A rexedora agradeceu a labor da Xunta de Cofradías e do persoal de limpeza e seguridade, así como a “implicación” da veciñanza coas celebracións.

Loureiro destacou que o operativo de seguridade e xestión do tráfico despregado polo concello non detectara ningunha infracción nos controis realizados durante a Semana Santa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...