IniciosociedadeO Valadouro aproba a proposta do BNG unha liña de axudas anual...

O Valadouro aproba a proposta do BNG unha liña de axudas anual para aliviar o recibo da luz ás familias

Este ano destinaranse 100.000 euros para esta finalidade, nun municipio que é "o cuarto de Galicia" no tocante aos xeradores eólicos, con 120

Publicada o

- Advertisement -

O pleno extraordinario telemático celebrado o pasado xoves no Valadouro rematou coa aprobación, con sete votos a favor -os de PP, BNG e Udival– e catro en contra -os do equipo de goberno, do PSdeG-PSOE– da proposta dos nacionalistas para que as familias sexan beneficiarias de axudas para o pago do recibo da luz. Deste xeito, o suplemento de crédito presentado pola alcaldía deberá incluír necesariamente 100.000 euros para aplicar esta medida no presente exercicio.

Os nacionalistas formularon esta proposta tendo en conta por unha banda o excesivo prezo do recibo da luz, “que na última década subiu case o 80% para os consumidores finais, sobre todo desde a implantación no Estado do criterio dun sistema eléctrico único e de tarifa única, prexudicial para Galicia ao tratar por igual aos consumidores dos distintos territorios sen ter en conta a súa achega como produtores de enerxía“.

Nese sentido, o voceiro nacionalista, Eduardo Chao, lembrou que O Valadouro “ten implantados no seu territorio 120 xeradores eólicos, sendo o cuarto de Galicia neste ámbito”. Por estas instalacións “percibe uns determinados ingresos, que deberán ser mais elevados, a través do Fondo de Compensación Ambiental“.

“Nun concello coma o noso, con baixas rentas, poboación envellecida e pensións baixas, entendemos que é obriga do Concello evitar que exista pobreza enerxética nos fogares, que o están a pasar moi mal co coronavirus“. A riqueza que xera o noso concello co vento, debe repercutir de maneira directa nas persoas que viven neste territorio, ademais de compensar o impacto ambiental, paisaxístico e acústico”.

Chao lembrou que “outros concellos nacionalistas, como Muras“, xa aplican un plan de bonificacións similar ao proposto.

O ACORDO SUPUXO ADIAR O DEBATE SOBRE O SUPLEMENTO DE CRÉDITO

O goberno local solicitou ao BNG que retirara a emenda, “presentada ás 10.30 da noite anterior”, indicou o alcalde Edmundo Maseda, xa que a aprobación da mesma supuña necesariamente aprazar a aprobación do suplemento de crédito presentado polo executivo municipal, aparellado a unha liña de axudas para familias e empresas anunciada en 118.000 euros.

A proposta dos socialistas volvía a pleno, tras ser rexeitada na sesión plenaria anterior foi rexeitado, con algunhas incorporacións formuladas pola oposición, entre elas dúas do Partido Popular: a supresión das taxas de auga e de lixo a todas as empresas e autónomos durante todo este ano e redobrar a partida do Fondo de Continxencia a 40.000 euros, para paliar posibles dificultades co persoal municipal de haber positivos de Covid-19.

A cambio da aprobación do suplemento de crédito, o PSdeG-PSOE comprometíase a aprobar a proposta nacionalista noutra sesión plenaria. Finalmente, o BNG non retirou a emenda e recibiu o apoio do resto da oposición valadourense, o que supuxo a aprobación da mesma.

Os grupos políticos deberán consensuar agora uns criterios para establecer as bases coas que levar a cabo esta medida. O Partido Popular urxiu ao BNG e elaborar un proxecto que presentar ao resto das forzas.

CAMIÑO DA PENA

O pleno tamén aprobou outra proposta do BNG que consistía em destinar 36.000 euros ao arranxo e adecuación do Camiño da Pena, “unha demanda veciñal constante e que ata o de agora non fora atendida. Detraeríanse estes cartos doutras partidas indeterminadas de infraestruturas que normalmente viñan sendo utilizadas arbitrariamente pola alcaldía”, concluíron os nacionalistas. Esta proposta contou tamén co apoio dos outros grupos da oposición.

OUTRAS PROPOSTAS

Así mesmo, aprobouse por unanimidade a renovación do convenio de xestión de Augas de Galicia para a depuradora do Valadouro e Alfoz, e a adxudicación do contrato de actividades extraescolares e tempo de lecer a Game Sport S. L., por 184.782 euros.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...