A Xunta pasou de financiar 78 socorristas para as praias da Mariña a 48 en dez anos

Nun verán con esixencia de medidas de seguridade, cada municipio do litoral terá fondos para seis vixiantes; aumentan as prazas nas áreas fluviais e piscinas a costa dos concellos que máis poboación extra asumen

Praia de Altar, en Barreiros. AXM

A Xunta de Galicia fixo pública este venres a súa achega económica para financiar socorristas na provincia de Lugo durante os meses de xullo e agosto. Segundo os datos do propio Goberno autonómico, os municipios do litoral da bisbarra –O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo– disporán de orzamento para contratar a 48 vixiantes, seis cada municipio. Son 30 menos dos 78 custeados polo Executivo galego no 2011.

Nun contexto no que é necesario reforzar as medidas de seguridade e evitar as aglomeracións para previr un rebrote de coronavirus, polo que os gobernos locais prevén “un sobrecusto”, a achega da Xunta segue a minguar con respecto a aqueles municipios que máis poden padecer estas dificultades, dado que concellos como Foz, Viveiro, Barreiros ou Ribadeo poden ver duplicada ou triplicada a súa poboación durante o verán. Segundo un estudo recentemente publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o litoral mariñao é a segunda zona de Galicia que máis turistas recibiu por habitante no 2019.

No 2018, a Xunta ofreceu aos municipios da Mariña financiamento para custear 82 socorristas. Os oito municipios do litoral repartíanse as axudas para a contratación de 75 vixiantes: 19 en Barreiros, 16 en Foz, seis no Vicedo e Xove e sete en Cervo, Viveiro, Burela e Ribadeo. No prazo de dous anos, o municipio barreirense perdeu a achega equivalente para contratar a 13 vixiantes, dez no caso do focego. A achega da Xunta neste 2020 será a seguinte:

XOVE 6 socorristas, 21.600,00 €

CERVO 6, 19.713,72 €

VICEDO (O) 6, 18.000,00 €

FOZ 6, 21.609,00 €

BARREIROS 6, 18.000,00 €

BURELA 6, 21.600,00 €

RIBADEO 6, 18.000,00 €

VIVEIRO 6, 19.868,16 €

15 VIXILANTES PARA AS PISCINAS E ÁREAS FLUVIAIS DO INTERIOR DA MARIÑA

Ademais destes 48 socorristas nas praias, a Xunta financiará a contratación doutros 15 socorristas para as piscinas do interior da Mariña Lucense. O desglose é o seguinte:

ALFOZ/VALADOURO 3 socorristas, 9.000,00 €

RIOTORTO 2, 6.166,72 €

TRABADA 2, 6.000,00 €

OUROL 2, 6.000,00 €

PONTENOVA(A) 2, 6.257,28 €

LOURENZÁ 2, 6.400,00 €

MONDOÑEDO 2, 6.796,80 €

Estas 15 prazas son practicamente o dobre das destinadas no ano 2018, cando se concederon socorristas para piscinas en Alfoz, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá, un en cada unha.

Precisamente o reforzo da vixiancia nas piscinas do interior é o argumento que esgrimiu a Xunta o ano pasado para xustificar a menor axuda que reciben os concellos do litoral; se no 2018 os fondos autonómicos permitían a contratación de 75 socorristas, no 2019 caeron a 51. Este ano a achega redúcese aínda máis.

A METADE DOS SOCORRISTAS CUSTEADOS, PARA AS PISCINAS DO INTERIOR

A Xunta insiste en que facilitará a contratación de 100 socorristas na provincia, unha cifra global que é similar á de anos anteriores, pero a cantidade mantense a costa de reducir a axuda nos municipios da costa lucense, que xustamente calculan en torno a ese centenar os socorristas necesarios para atender as praias. O Goberno autonómico salienta que atendeu “as solicitudes de todos os concellos que pediron financiamento para contratar socorristas a través deste programa”.

Se o litoral recibirá orzamento para 48 profesionais, o interior recibirá presupostos para 52 vixilantes; ademais dos 15 mencionados, dous en Friol (7.600 euros), dous en Cospeito (6.400 euros), un en Taboada (3.352), un en Pedrafita do Cebreiro (1.500 euros), dous no Saviñao (6.257 euros), un en Monterroso (3.000), un en Carballedo (3.771), dous en Outeiro de Rei (7.200 euros), un en Láncara (3.000), outros dous en Quiroga (6.000), Pantón (6.029) e Meira (6.166 euros), un nas Nogais (3.000), dous en Paradela (6.398), un en Chantada (3.083 euros), dous en Antas de Ulla e Sober (en ambos 6.000 euros), un en Palas de Rei (3.987 euros), dous en Guntín (7.437), un en Guitiriz (3.401), un en Baralla (3.600), dous en Lugo (6.000) e outros dous en Rábade (6.802).

CONTRATAR, UNHA DOR DE CABEZA

A contratación de socorristas é unha dor de cabeza para os municipios da costa, que na maioría dos casos non consiguen cubrir as prazas desexadas. A esixencia da titulación requerida a nivel autonómico, a estacionalidade do traballo -a Xunta financiaba con anterioridade contratos de tres mensualidades- e o risco da profesión son dous dos factores que poden estar detrás da escaseza de demanda.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here