O Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmou este sábado catro casos máis de persoas afectadas por coronavirus no brote da Mariña, para un total de 186 positivos. A Xunta de Galicia non indica no seu comunicado cantas altas epidemiolóxicas se produciron con respecto ao día de onte, o que impide coñecer o número de novos infectados desde o último reconto oficial.
A Consellería de Sanidade si concreta, xustificando a xestión realizada, que o “pasado venres realizáronse 144 PCR” a “persoas relacionadas” con este brote, “das que catro arroxaron resultado positivo, o que implica unha porcentaxe moi baixa respecto ao momento no que se adaptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das probas realizadas eran positivas”. O total de análises realizadas ascende a 3.345 PCR, indica o Sergas.
Dos 186 casos activos, concreta o Sergas, “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve”, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.
Despois de que se deran tres altas no Hospital Público da Mariña, dúas persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no centro hospitalario de Burela, ambas en planta, e a súa evolución “é favorable“. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. O Sergas non concreta o número de persoas confinadas, que ascenden a varios centos, unhas 700 segundo a última información oficial.
CINCO OBREIROS E CINCO MAIORES ILLADOS POLO POSITIVO NA RESIDENCIA DE BURELA
Un único contaxio activo por coronavirus é o que figura entre traballadores dos centros de maiores de Galicia, tendo en conta que desapareceu dese balance o empregado da residencia Santa Teresa Jornet, da Coruña, xa recuperado. Así as cousas, a persoa afectada é unha empregada sustituta que apenas estivo hora e media no xeriátrico de Burela.
Esta traballadora e cinco compañeiros foron derivados aos seus respectivos domicilios a gardar corentena, e os cinco maiores cos que aquela tivo contacto quedaron illados nas súas habitacións, segundo informaron fontes da Consellería de Política Social.
Esta empregada sustituta comezou a traballar antes de que se coñecese o resultado da proba de detección á que fora sometida e que se confinou axiña se soubo que estaba contaxiada. O xeriátrico de Burela, de titularidade pública, alberga a 88 usuarios.