IniciosociedadeO comercio solicita á Xunta a fin das restriccións: "temos a economía...

O comercio solicita á Xunta a fin das restriccións: “temos a economía case paralizada”

Acisa afirma que de continuar os límites de aforamento, os horarios reducidos ou a paralización do ocio nocturno, negocios estarán "abocados ao peche"

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo reclamou á Xunta de Galicia que flexibilice as restriccións que se están a aplicar na Mariña desde o pasado 5 de xullo, cando se decretou o peche da comarca por mor do brote de coronavirus. Malia que paulatinamente o Goberno autonómico levantou as prohibicións de mobilidade, continúan os límites de aforamento -do 50%- nos locais comerciais e profesionais e o horario reducido na hostalería, que debe pechar como moi tarde á 1.00 da madrugada; a apertura dos locais de ocio nocturno -pubs e discotecas- está por agora aprazada. O comercio ribadense considera que estas medidas están a ser “moi prexudiciais” para a economía local.

O colectivo pronúnciase un día antes de que o comité de expertos e a Xunta avalíen, este mércores, se reducen ou manteñen as restriccións vixentes. O presidente da agrupación ribadense, Francisco Iriarte, sinala que “desde Acisa facemos un chamamento (ao Goberno autonómico) para que flexibilice algo estas nomas. É complicado entender que con tres casos activos en Ribadeo teñamos a economía local case paralizada“, remarca.

“Estamos observando como a xente estase indo de ceas ou de lecer a Asturias, xa que só teñen que cruzar a ponte. Alí os locais nocturnos poden abrir, pódese consumir nas barras, os aforos son moi superiores e non hai peche adiantado da hostelería. E iso está prexudicando gravemente á nosa hostelería. Necesitamos recuperar canto antes a nosa actividade. A campaña de verán é a esperanza para a supervivencia de moitos locais. Se non poden traballar nesta época estaranos abocando ao peche dentro dunhas semanas. A situación estase a converter en insostible”, argumenta Iriarte.

“COMER NUN RESTAURANTE É MÁIS SEGURO QUE UNHA FESTA NUNHA CASA PRIVADA”, ARGUMENTAN

Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, lamentou que “polo menos ata mañá os aforos están reducidos ao 50%, non se poden usar as barras e o lecer nocturno debe permanecer pechado. Esperamos que mañá todo isto cambie. Ademais hoxe a Xunta publicou no DOG a obrigatoriedade por parte dos visitantes a Galicia de facilitar os seus datos de contacto para previr posibles casos importados e ter un maior control, por iso mañá mesmo entregaremos aos hoteis novo material para que teñan perfectamente informados aos seus clientes”, sinalou.

Pérez indicou que “os nosos negocios demostraron que a inmensa maioría cumpre as normas e que estamos preparados para reabrir barras e ampliar aforos e horarios. A día de hoxe é moito máis seguro cear nun restaurante ou tomar algo nun bar, que acudir a calquera das múltiples festas que están proliferando en casas e leiras privadas, onde non se controlan aforos, nin distancias, nin as medidas de hixiene e prevención pertinentes”, manifestou.

Acisa únese deste xeito ao alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, quen desexou publicamente que a Xunta levantase as mencionadas restriccións ante a evolución do brote, segundo os datos oficiais deste martes con 47 casos activos.

PIDEN AOS SOCIOS QUE “CUMPRAN AS NORMAS”

Acisa recoñece o esforzo dos negocios de Ribadeo, aos que lles pide que sigan sendo estritos no cumprimento das normativas vixentes en cada momento “ata que todo isto acabe”.

Iriarte manifesta que “en calquera caso temos o deber de seguir cumprindo as normas ata que se cambien, que esperamos que sexa mañá. Temos coñecemento por parte dos nosos socios de que as autoridades están facendo as inspeccións pertinentes, de momento trátase de actos informativos para comprobar que se cumpren as normas. Esperamos que sigan sendo así e que non vaian a máis. Por iso pedímoslles aos socios e socias de Acisa que sigan cumprindo coas normativas vixentes en casa momento. Son tempos duros e non estamos en condicións para que un negocio teña que afrontar unha multa da cantidade que se impoñería por unha infracción deste tipo”, xulgou o presidente do colectivo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...