O brote de coronavirus da Mariña Lucense encadeou o segundo día sen variacións, segundo o reconto oficial do Servizo Galego de Saúde (Sergas). De acordo coa Consellería de Sanidade, localízanse 35 casos activos nos 14 municipios que compoñen o distrito sanitario, os mesmos ca onte. Non houbo altas nin positivos novos, segundo a Xunta de Galicia.
Na última xornada realizáronse 87 PCR, das que todas tiveron un resultado negativo, afirma o Sergas. Deste xeito, o total de probas efectuadas ascende a 5.182, segundo a mesma fonte.
Dos 35 pacientes positivos en Covid-19, un deles permanece ingresado no Hospital Público da Mariña.
Os contactos en seguimento, pola contra, seguen en aumento. Se o pasado día 4 había 317 persoas confinadas, na última actualización aumentan a 343.
No tocante ás residencias, o único positivo na Mariña documentouse semanas atrás no xeriátrico de Xove, o dunha traballadora; a partir deste caso fixéronse probas a todos os empregados e maiores do centro, sen que se localizaran novos infectados.