O BNG alerta da “grave situación” dos servizos de pediatría e atención primaria na Mariña

Os nacionalistas levarán ao Parlamento galego iniciativas para que a Xunta cubra sistematicamente as baixas dos profesionais e para dotar aos centros de saúde "dos recursos necesarios"

Rolda de prensa do BNG en Ribadeo. AXM

O deputado do BNG Daniel Castro, xunto coa tamén deputada Olalla Rodil, a responsable comarcal da formación nacionalista e alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, o alcalde ribadense Fernando Suárez Barcia e a deputada provincial Mónica Freire, en rolda de prensa diante do centro de saúde de Ribadeo, deron conta das iniciativas a presentar tanto no Parlamento de Galicia como noutras institucións sobre “a grave problemática que se está a vivir na Mariña en Atención Primaria” e especialmente no servizo de pediatría en moitos concellos da comarca.

CITAS DE MÁIS DE MES E MEDIO DE ESPERA EN RIBADEO

Son “casos que xa non son novos e que se repiten en concellos coma Xove e Cervo con baixas da pediatra que non se cubren e sobrecargan a Burela, ou Alfoz e Valadouro que levan reclamando varios anos ese servizo, feito que os condiciona a desprazarse a Foz donde o servizo está xa de por sí desbordado, ou os casos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros que compartían servizo pediátrico nuns días e unhas horas determinadas ao longo da semana pero que tanto as baixas como as vacacións da profesional non se cubren, cos conseguintes graves inconvintes para a poboación”, expoñen os nacionalistas.

A formación frontista engade que “tamén no centro de saúde de Ribadeo desde hai un mes ocorre outro tanto, pois ao atoparse de baixa a pediatra e sen ter un relevo, esto provoca que se empecen a dar citas con mais de mes e medio de espera. Esto afecta tamén ao concello de Trabada“, lembran.

“Diante desta problemática, instaremos ao Parlamento a esixir da Xunta de Galicia cobertura estable, continuada, e desde o primeiro día no que se produza a ausencia dun ou dunha pediatra titular nestes concellos antes mencionados ou en calquera donde se produzan ausencias xustificadas do profesional”, afirmou Castro.

ANTE A COVID-19, SON NECESARIOS “MÁIS MEDIOS”

Pola súa banda, Rodil manifestou que “é preciso poñer en marcha un Plan para a Atención Primaria que recolla o aprendido nesta crise mais tamén todas as demandas que existían con anterioridade. A Atención Primaria foi unha das áreas máis prexudicadas pola política de recortes orzamentarios da última década polo que se o seu reforzo era necesario antes da pandemia, agora resulta imprescindíbel”, indicou.

“É fundamental dotar a Atención Primaria dos recursos orzamentarios, materiais e humanos suficientes para enfrontar, coa máxima calidade asistencial e garantías, a nova situación. Mais tamén urxe un cambio de modelo, reverter as políticas de recortes e privatizacións e unha actuación urxente de recuperación da sanidade pública galega”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here