Un home de 93 anos que ingresara en Burela con Covid-19, novena vítima mortal na residencia de Cervo

O falecido dera negativo na última PCR realizada tras ser hospitalizado ao resultar contaxiado no xeriátrico de San Cibrao, onde quedan 29 maiores e dez traballadoras infectados

Hospital Público da Mariña. CIG

Un home de 93 anos, usuario da residencia de San Cibrao e que fora diagnosticado de Covid-19, faleceu na madrugada do xoves ao venres no Hospital Público da Mariña. Esta persoa dera negativo na última PCR realizada e probablemente non compute dentro dos datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero trátase dunha nova vítima mortal, a novena, que se cobra o abrocho do xeriátrico cervense. Ingresara no centro hospitalario de Burela ao contraer o coronavirus e, malia que superou a enfermidade, permanecía hospitalizado ao padecer patoloxías severas.

Unha centenaria, o pasado 20 de novembro; unha muller de 96 anos, o día 15; unha muller de 84 anos, o día 9; dúas mulleres, de 89 e 92 anos, os pasados días 6 e 7outra anciá, de 91, o 3 deste mes; e unha dona de 89 anos e un home de 81, o pasado día 1, foron as anteriores vítimas mortais do abrocho.

Segundo expuxeron fontes de Mensajeros de la Paz, adxudicataria do servizo, quedan 29 maiores contaxiados, tres deles ingresados no hospital. Con respecto ao persoal, tres traballadoras recibiron a alta, polo que hai dez operarias infectadas. Desde a empresa sinalan que o vindeiro domingo o Sergas fará tests serolóxicos a aqueles usuarios que, malia seren positivos, levan 14 días ou máis confinados, mentres que se farán probas PCR aos negativos.

MENSAJEROS ALEGA QUE EN OUTUBRO HOUBO UNHA INSPECCIÓN CUXO EXPEDIENTE “FOI ARQUIVADO”

Mensajeros de la Paz foi acusada este martes de “serias deficiencias” na residencia de Cervo, onde é a concesionaria do servizo, de titularidade municipal, e no xeriátrico de Trabada, que xestiona a Deputación de Lugo. O Sindicato de Técnicos de Enfermería (SAE) anunciou a presentación dunha denuncia ante Inspección de Traballo por quendas “caóticas” e “falla de persoal”, e cre “evidente” que “está fallando a avaliación de riscos e a planificación de medidas preventivas”.

A coordinadora de Mensajeros de la Paz, Natalia Zabaleta, argumenta respecto a Cervo que “houbo unha inspección de traballo en outubro”, antes do abrocho, detectado a finais dese mes, “na que se nos requiriu cadrantes, cómputos de horas, contratos e máis información. O expediente foi arquivado”, defende.

Con respecto a Trabada, “non consta ningunha inspección in situ nin notificación de denuncia”. Os denunciantes, asegura, “terán que demostrar que non se está a traballar coas medidas de protección axeitadas ou que non se dá formación”, que no caso do xeriátrico trabadense “é proporcionada pola propia Deputación”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here