(GALERÍA) O Virxe do Carme: un colexio que “cae”, unha comunidade que loita

Anpa, alumnado e profesorado do centro burelés dos Castros esixen instalacións novas ou unha reparación integral das actuais, moi deterioradas

O alumnado porta pancartas durante a protesta no Ceip Virxe do Carme. AXM

A comunidade do Ceip Virxe do Carme concentrouse na mañá deste venres para reclamar “un colexio novo” ou unha reforma integral do actual ante o deterioro que presentan os tres edificios que compoñen o centro.

A presidenta da Asociación de Nais e Pais (Anpa), Eva López, asegura que “o cole ten unhas deficiencias moi serias e queremos unha solución inmediata“.

“Chegamos a unha situación límite. O alumnado está a vivir entre goteiras, humidade e couza”, expón.

A inundación de dúas aulas de infantil “foi a gota que colmou o vaso” para a comunidade educativa do centro.

Queremos un compromiso serio dunha reforma integral. Non somos quen para decidir que se debe facer, pero queremos unha solución rápida”, indica López.

A directora do centro, Pepa Fernández, explica como afectan os problemas do centro non só aos nenos, senón tamén á actividade docente.

“Temos nenos de tres anos fóra da súa aula, en clases que non están acondicionadas para eles, lonxe dos baños. O que significa tamén mover outro alumnado”, indica.

Dous nenos piden “un cole digno” durante a concentración. AXM

O deterioro das instalacións agrava o problema de ter que repartir a actividade escolar entre tres edificios. “Estamos de paseo todo o día, mollándonos”, asegura Fernández.

A docente lembra que “non temos rampas para que poda subir un neno con problemas de motricidade”.

A directora do centro sinala que “o Concello leva anos botándonos unha man e a sabemos que Xefatura Territorial da Xunta de Galicia fai o que pode, pero terían que ir máis arriba para atopar unha solución”.

“Nin un parche máis”, esixiron os manifestantes. AXM

A concentración contou co apoio de representantes políticos como a deputada do Parlamento galego Patricia Otero ou o voceiro da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, así como do concelleiro Ramiro Fernández (PSOE), e do edil do BNG Mario Pillado, entre outros cargos.

O DETERIORO DO CENTRO

Un paseo polo centro permite ver as numerosas deficiencias do Ceip Virxe do Carme, inaugurado no 1963.

No exterior hai parches para evitar que os nenos metan o pé onde non deben ou cables ao aire en tubaxes de cobre desfeitas.

No interior hai estanterías devoradas pola couza, un ximnasio que fede pola humidade ou desprendementos nalgunhas construcións.

Todas estas carencias dan argumentos á petición da comunidade educativa do centro.

A XUNTA ACUSA AO CONCELLO DE “CRISPAR”

A situación do Ceip Virxe do Carme iniciou unha forte polémica política entre a Xunta de Galicia e o Concello de Burela, que se acusan mutuamente de non atender ás necesidades do centro.

Segundo establece a lexislación, as melloras corresponden á Xunta, mentres que o mantemento é competencia do goberno municipal.

Así, desde o Executivo galego culpan á alcaldía, que insta a Santiago a que invista na reparación do centro, dados os seus graves problemas.

O Goberno galego comprometeu unha actuación provisional para a vindeira semana, cun orzamento de 23.000 euros.

O delegado territorial da Xunta, o popular José Manuel Balseiro, sinala que o centro require “solucións, que está a proporcionar o Goberno galego” e acusa ao executivo municipal de “buscar a crispación”.

“ABANDONO” DO GOBERNO GALEGO

Pola súa banda, o secretario xeral do PSOE lucense, Álvaro Santos Ramos, considera que o Ceip Vista Alegre “é unha mostra do abandono por parte da Xunta dun servizo público como é a educación”.

LLANO PIDE A DEMISIÓN DE BALSEIRO

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, pediu a demisión de Balseiro.

O Concello, sen atribucións directas, ten investido moito máis de 23.000 euros neste colexio. Este señor é un profesional da política e vén a última hora dicindo que van facer o que non fixeron en catro anos. Non lle debemos nada”, afirmou o rexedor.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here