A prisión os nove mariñeiros do Nehir, detidos fronte a Ribadeo con tres toneladas de cocaína

Os mariñeiros terían accionado algún dispositivo que provocou a rápida inundación da nave, en apenas dúas horas, pero os axentes recuperaron os fardos

Detención dos tripulantes do Nehir. GARDA CIVIL

EFE. A Audiencia Nacional decretou o ingreso en prisión dos nove mariñeiros do Nehir, un barco que foi interceptado pola Armada fronte á costa de Ribadeo e que transportaba un alixo dunhas tres toneladas de cocaína.

A todos os detidos, de nacionalidade xeorxiana e turca, impútanselles os delitos de tráfico de drogas e pertenencia a organización criminal.

A denominada Operación Bocanegra está coordinada polo xulgado central de instrución 1 da Audiencia Nacional, que dirixe o xuíz Santiago Pedraz, aínda que os nove tripulantes declararon por exhorto desde un xulgado de Pontevedra.

Os mariñeiros viaxaban no Nehir, un barco de 52 metros de eslora e bandeira da República de Palau (na rexión de Micronesia, no océano Pacífico occidental), no que abriron unha vía de auga para afundilo ao verse sorprendidos polas autoridades en alta mar.

IMPÚTANSELLES OS DELITOS DE TRÁFICO DE DROGAS E PERTENZA A BANDA CRIMINAL

A investigación sobre esta organización comezou en maio de 2020 tras ter coñecemento das presuntas actividades ilícitas dunha organización criminal asentada na comarca do Salnés, na provincia de Pontevedra.

Tras analizar a información obtida na investigación, os axentes souberon dun transporte de cocaína que sería transbordada a outras embarcacións nalgún punto indeterminado das costas galegas.

As pesquisas centráronse no Nehir, cuxas características e ruta de navegación encaixaban co posible obxectivo da operación policial.

Ao mesmo tempo, os axentes tamén corroboraron que, debido a unha alerta meteorolóxica no litoral atlántico, non se podería facer transbordo a ningún outro barco ao paso do Nehir polas costas galegas, motivo polo cal decidiuse a abordaxe.

No operativo participaron o buque de acción marítima Serviola, da Armada Española, con forzas especializadas a bordo dos tres corpos intervintes; apoiado por un helicóptero e tres patrulleiras de Vixilancia Aduaneira e unha patrulleira da Garda Civil.

CASE 3.000 QUILOS DE DROGA OCULTA NO BARCO

O Nehir foi abordado por equipos policiais de élite GEO que localizaron “gran cantidade de fardos“, similares aos habitualmente utilizados para transportar substancias estupefacientes, ocultos nun compartimento do barco.

Durante o asalto, a tripulación do Nehir, véndose sen ningunha posibilidade de fuxida, accionou algún dispositivo que provocou a rápida inundación de todos os compartimentos da nave coa intención de non deixar rastro algún da súa carga ilícita conseguindo que, en pouco máis de dúas horas, o buque se afundise totalmente.

A rápida acción de todos os axentes e tripulación do buque Serviola de Salvamento Marítimo permitiu non só a recuperación de todos os fardos onde viña a droga e o resto de efectos relacionados cos feitos investigados, senón tamén o rescate de toda a tripulación sen dano algún.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here