InicioEconomíaA frota valora os acordos sobre cotas e descartes, pero "só salvamos...

A frota valora os acordos sobre cotas e descartes, pero “só salvamos a primeira bola de partido”

O roll over na pescada sur ou a bolsa que permitirá intercambiar especies con pouca ou ningunha cota son alivios para o sector

Publicada o

- Advertisement -

O sector pesqueiro da Mariña Lucense volveu de Bruxelas, onde se negociaron as cotas e Totais Admisibles de Captura (TAC) para 2019, cun bo sabor de boca.

España manterá a cota de pescada sur despois de que a Comisión Europea plantexase un recorte do 14%. O roll over na pesquería, importante para volanteiros, o arrastreiros e para embarcacións de artes menores, supuxo un alivio.

“Para nós, o balance é positivo. Tiñamos preocupación pola importancia socioeconómica desta especie”, expón Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) Lugo.

a pescada de augas ibéricas, para a que se propuxo un recorte do 14%, preocupaba a volanteiros, arrastreiros e artes menores

Para o patrón maior burelés, Basilio Otero, manter a cota é “insuficiente” despois de catro anos de reducións das posibilidades de captura. “Esperemos que ao alcanzar os Rendemento Máximo Sostible (RMS) nas vindeiras negociacións se nos dea algo de alento”, indica.

O aumento das posibilidades de pesca do rapante ou meiga nos tres caladoiros -dun 35% en augas ibéricas, dun 47,3% en augas do Gran Sol e dun 40% no Golfo de Biscaia– é unha boa nova.

as posibilidades de pesca do rapante mellorarán significativamente en todos os caladoiros e tamén as do xurelo

OUTRAS ESPECIES

O xurelo tamén aumentará no Cantábrico (+18%) e fronte a augas portuguesas e no Golfo de Cádiz (+69,2%). O acordo tamén mantén as posibilidades de pesca para o bocarte do Cantábrico (29.770 toneladas).

Da mesma forma, incrementarase a cota española de capturas de rape en augas ibéricas (un 5,3%), pero recortaranse as posibilidades de pesca desta especie no Gran Sol (-1,5%) e no Golfo de Biscaia (-6,8%).

Doutra banda, a pesqueira de langostino no Cantábrico permanecerá pechada en 2019 por terceiro ano consecutivo, aínda que se poderán capturar 2.000 quilogramos deste stock con fins científicos. As capturas de lagostino no Golfo de Cádiz e en augas portuguesas, en cambio, aumentarán un 5,2%.

Tanto López como o xefe de frota de Puerto Celeiro, Suso Lourido, aseguran que as cotas “premian o esforzo de tempo por alcanzar os RMS, xa que isto é unha carreira de relevos, cada ano cóllese o testigo do anterior”.

DESCARTES

No tocante ao outro gran tema debatido en Bruxelas, a obriga de desembarque, que entrará en vigor no 2019, a frota valora as solucións acordadas na xuntanza dos ministros de Pesca da Unión Europea, aínda que se mostra cauta sobre a súa aplicación práctica.

A obriga de desembarque prohíbe aos barcos devolver ao mar as capturas non desexadas. Coa aplicación da normativa, parte da frota española -en especial o cento de buques que faena en augas do Gran Sol- corría o risco de ter que amarrar ante a posibilidade de pescar especies para as que non dispón de pouca ou ningunha cota.

o acordo para crear unha bolsa de capturas accidentais axudará a que a obriga de desembarque “non signifique o amarre”

Bacalao ou xarda -para a cabala estableceuse un recorte do 20%– están entre as chamadas ‘especies de estrangulamento‘. Así, os Vinteoito acordaron unha bolsa de capturas accidentais ás que poderá recorrer España e intercambiar especies con outros países.

“Chegababamos con temores porque había moito por aclarar. Finalmente chegouse a un acordo para a cesión obrigatoria do 6% de cotas e poder facer un intercambio no que cederemos as nosas pesquerías principais, como pescada ou rape. Aspirabamos a que a normativa non signifique a paralización da pesca“, explica López.

Otero agradece que se ofrecera “unha solución imaxinativa” e Lourido valora que “aínda que as solucións adoptadas terán que levarse á práctica, adoptouse un compromiso inicial de que naide quede en terra polos descartes”.

“sabemos que e canto imos pescar, pero aínda non como”, explica o patrón maior burelés sobre un 2019 desafiante

“IMPREDECIBLE” 2019

Otero lembra os desafíos que traerá o “impredecible” 2019, coa obriga de desembarque, a cercanía do 2020 -cando acordou a aplicación dos RMS- ou o Brexit.

Salvamos a primeira bola de partido. Sabemos canto imos pescar e que, pero non aínda como imos facelo”, expón o patrón maior burelés.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...