O Concello de Ribadeo abriu o prazo para a solicitude de axudas para plantar árbores frondosas nas faixas de protección fronte aos incendios forestais.
Os interesados poden solicitar no consistorio un formulario para pedir estas subvencións. Informan tanto na área de medio ambiente como nas oficinas xerais. O prazo ficará aberto ata o 11 de febreiro.
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, afirma que se trata “dun paso máis trala campaña de limpeza das faixas de protección fronte aos incendios forestais. Queremos botar unha man na repoboación e evitar que estes espazos volvan retoñar, sabendo que a norma débese cumprir cada ano“.
CONCESIÓNS
A contía todal das axudas ascende a 6.500 euros “e repartirase en función das solicitudes recibidas e da superficie afectada, tendo en conta a clase de terreo do que se trata á hora de definir o número e tipo de árbores que se poden plantar”, explica Jaime Pérez, técnico de medio ambiente.
ESPECIES
As árbores que se van facilitar son: pradairos, bidueiros, freixos, castiñeiros híbridos, cerdeiras, carballos, abeleiras e nogueiras.