EFE. O presidente do comité de empresa da fábrica da multinacional Alcoa en Cervo, Xosé Paleo, afirmou que os representantes dos traballadores do centro de San Cibrao, alomenos de momento, só poden facer valoracións sobre “declaracións de intencións” dos representantes políticos.
Paleo asegurou que os empregados da fábrica sancibrense, da que dependen 1.100 postos de traballo directos e outros 1.000 indirectos, descoñecen o traballo que se está a realizar para desenvolver o estatuto das empresas electrointensivas.
A ministra de Industria prometeu a tramitación deste estatuto “en menos de tres meses”. O sindicalista valorou a presenza de Reyes Maroto en Galicia e os anuncios realizados na súa visita á comunidade, así como que a dirixente do Goberno socialista se comprometese publicamente “a darlle para adiante” á normativa.
En todo caso, precisou que, polo de agora, “non hai máis que declaracións de intencións”, de modo que haberá que esperar a que as condicións do novo estatuto “estean sobre a mesa” para “valoralas. Daquela veremos se a industria do aluminio neste país, sexa con Alcoa ou outras empresas, ten futuro“, indica Paleo.
COMPRADORES
Os traballadores insistiron ao longo do conflito laboral en que sen unha tarifa eléctrica barata e estable non hai futuro para a fábrica de San Cibrao. Así, no tocante ao posible interese por comprar as plantas de Avilés e A Coruña, Paleo argumentou que “se non hai solución ao problema da enerxía, o interese quedará aí“.
BAIXAS INCENTIVADAS
O comité de San Cibrao segueá espera de recibir a documentación oficial do acordo adoptado entre Alcoa e os cadros de persoal de Avilés e A Coruña, que inclúe prexubilacións na planta sancibrense para ubicar a traballadores dos centros avilesino e coruñés.