O comité de empresa de Alcoa San Cibrao asegura que a fábrica cervense está “no arame” tralo adianto de eleccións xerais ao 28 de abril, dado que “dubida” de que o Goberno socialista teña tempo para tramitar o estatuto para a industria electrointensiva antes desa data, tal e como prometeu.
A volta de porqueta no panorama político español deixa con “incerteza” aos traballadores, segundo explicou o presidente do comité de empresa da planta sancibrense, Xosé Paleo, que lembra que sen a posta en marcha dun novo marco enerxético, a fábrica de Cervo queda “nunha situación moi complicada“.
Os sindicatos reiteraron ao longo do conflito laboral nas factorías de Avilés e A Coruña que sen unha tarifa eléctrica “barata e estable” a fábrica de San Cibrao está condenada a desaparecer a medio ou longo prazo.
o presidente do comité “dubida” de que o goberno “teña tempo” de tramitar o estatuto da industria electrointensiva
DOUS MILLEIROS DE EMPREGOS
Paleo resalta que de marchar Alcoa de San Cibrao, as consecuencias serían “nefastas”, pois da fábrica de alúmina e aluminio dependen “2.000 persoas, tanto das plantas como das empresas auxiliares”.
COMBARRO: SERÍA “IMPORTANTÍSIMO”
Máis esperanzado, aínda que cunha lectura similar, mostrouse o presidente do comité europeo de Alcoa, José Luis Combarro. En declaracións a EFE, o sindicalista asegurou que o cambio no marco enerxético “sería importantísimo para o futuro da planta de San Cibrao”.
Combarro confía en que o Goberno que preside Pedro Sánchez saque adiante a nova normativa antes da celebración dos comicios, porque os posibles compradores das plantas de Avilés e A Coruña “animaríanse máis se o estatuto da industria electrointensiva está desenvolto”.
PREXUBILACIÓNS EN SAN CIBRAO
No tocante á negociación que manteñen empresa e sindicatos sobre a aplicación en San Cibrao do acordo entre Alcoa e os cadros de persoal de Avilés e A Coruña, ambas partes terán un novo encontro o vindeiro xoves.
Trala proposta de ata 106 baixas incentivadas en Cervo para crear vacantes que ocuparían empregados das fábricas coruñesa e avilesina, o comité de empresa de San Cibrao propúxolle á multinacional do aluminio que contrate a un traballador de Empresas de Traballo Temporal (ETT) por cada un dos obreiros da Grela e San Balandrán que pretenda reubicar.
os obreiros instan á empresa a contratar un temporeiro por cada empregado da coruña e avilés reubicado en cervo
Os sindicatos calculan que 64 temporeiros levan máis de sete meses na empresa e “deberan ser indefinidos”, polo que afirmaron a súa intención de “protexer os contratos de relevo acadados na negociación do convenio”.
ASEMBLEA
Para o venres ás 12.00 horas segue, á espera de variacións nas conversas, convocada unha asemblea de traballadores para decidir as medidas a tomar.