O concelleiro do BNG en Xove Carlos Fernández Louzao criticou este mércores que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non substitúe a pediatra do centro de saúde xovense, que está de vacacións.
O edil nacionalista denuncia que Xove quedará “ata o 20 de marzo con tres horas de pediatría á semana, os martes”.
Fernández Louzao explica que “os nenos do noso concello que teñan que ser atendidos pola pediatra a causa dunha urxencia ou doenza común, terán que desprazarse ao ambulatorio de Burela. Por se o desprazamento non fora abondo, tamén se contribúe a saturar o servizo de pediatría burelao, pois alí confluirán as crianzas de Cervo”, indica.
O concelleiro do BNG xovense lembra que “Alfoz e Ferreira perderon o servizo de pediatría” e que “á pediatra quédalle pouco para a súa xubilación”, polo que suxire que “parece que o Sergas está agardando o momento para eliminar esta praza en Xove e Cervo”.
INSTA A ACTUAR AO CONCELLO
O edil lamenta que “en calquera outro traballo, a ausencia dunha profesional substitúese con outra, agás nos empregos públicos, os menos importantes para certos gobernos: a saúde, o ensino ou a xustiza”.
Fernández Louzao insta a “actuar” ao goberno municipal do PP, “caladiño coma un peto”.