O PP de Ribadeo esixiu este xoves ao alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, que “non cobre o próximo recibo de auga á veciñanza” polos problemas no servizo nos últimos días.
O rexedor sinalou o pasado martes á Cooperativa Os Irmandiños despois de que a auga da traída no municipio ribadense desprendese “un forte cheiro” e crease unha certa alarma social en Ribadeo.
O alcalde ribadense atribuíu esta situación “a un vertido de lixiviados no Río Grande”, unha das captacións de auga da que se nutre a poboación ribadense. A sociedade, englobada na unión Cooperativas Lácteas Unidas, rexeitou a través dun comunicado calquera tipo de responsabilidade sobre este suceso.
“INCOMPETENTE”
O candidato do PP á alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, tacha a Suárez Barcia de “incompetente”, xa que “levamos anos sufrindo vertidos ao Río Grande, como o acontecido esta semana, sen que o rexedor teña posto solucións, nin de mellora da traída dende Vilarbetote, nin alternativas, nin investimentos”.
OS CONSERVADORES SINALAN QUE AS DUCHAS DA PISCINA MUNICIPAL “FEDÍAN” E QUE NOS COLEXIOS “AVISOUSE DE NON BEBER AUGA DO GRIFO”
Vega lamentou que “en instalacións públicas como as duchas da piscina municipal a auga desprendía un cheiro insoportable”, que nos centros de ensino “se tivo que avisar de que non se bebera auga do grifo“.
O PP local tamén cuestiona a afirmación do alcalde de que a auga cumpría os parámetros do Real Decreto 140/2003, o que segundo o rexedor garantiu a concesionaria, Viaqua. “Hai que ter cara dura para manifestarse nestes termos porque isto é un insulto á intelixencia de tódolos veciños e veciñas”, aseverou.
REQUERIMENTOS
En alusión aos requerimentos enviados polo goberno local a varias entidades, o candidato popular afea ao rexedor que “bote a culpa a todo o que se move, ben sexa a Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico ou mesmo o concello limítrofe de Barreiros”.
Vega cre que este discurso “deixou de ser crible para os ribadenses”.