Alcoa, traballadores da Coruña e Avilés, o PP e En Marea coincidiron en cuestionar este luns as declaracións realizadas o pasado domingo na cidade herculina polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que deu por “garantido” o futuro das tres plantas da multinacional en España.
O presidente de Alcoa España, Rubén Bartolomé, subliñou que o borrador do estatuto para os consumidores electrointensivos ten “moitas incertezas” e que, aínda que existe interese de investidores por mercar as plantas, estase “lonxe” de atopar algo “sólido” antes de xuño.
Despois da reunión da mesa de traballo da empresa do aluminio, Bartolomé citou entre as incertezas a “compensación de dióxido de carbono (CO2)ou o feito de dispór ou non de orzamentos”.
“NON TEMOS MÁIS CA DESPEDIMENTOS”
O presidente do comité de empresa de Alcoa en Avilés, José Manuel Gómez de la Uz, sinalou que a reunión non os deixa “nin satisfeitos nin insatisfeitos. O que temos claro é que non temos nada máis ca un despedimento o día 30, iso é así”, remarcou.
“Non hai ningunha medida concreta. Teremos que agardar a ler o estatuto e ver canto pode rebaixar a nosa factura eléctrica”, apuntou.
De la Uz concretou que o estatuto vai ter unha parte na que se rebaixará unha factura, outra que estipulará como van ser as axudas de CO2 e outra sobre o fomento dos contratos bilaterais de enerxía entre empresas e eléctricas.
“Vamos moi xustos. Teremos que loitar para que isto saia adiante e as eleccións non fan ningún favor”, lamentou.
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa da planta de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, sinalou que pese a que se lle traslada que o estatuto está “practicamente pechado”, a día de hoxe “segue sen estar aprobado”. Así, asegurou que os traballadores van seguir “presionando” ao Goberno e saíndo á rúa para reivindicar unha solución.
XUNTA: “NON HAI UNHA SOLUCIÓN VIABLE”
O voceiro parlamentario do Partido Popular (PP) de Galicia, Pedro Puy, afirmou que “non é serio nin respectuoso cos traballadores” que o xefe do Executivo afirme que o problema “está resolto” cando “este mesmo luns houbo en Madrid unha nova reunión da mesa de seguimento do borrador do estatuto dos consumidores electrointensivos”.
Neste sentido, Puy achaca a “fins electorais” as palabras pronunciadas o pasado domingo na cidade herculina por Sánchez, ao que lembra que “sen a estabilidade” que outorgaría o estatuto os “problemas” que atravesa Alcoa poderían reproducirse “noutras empresas” como Ferroatlántica.
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurou este luns que “neste momento” non hai unha “solución viable” para as plantas que a multinacional do aluminio Alcoa pretende pechar na Coruña e Avilés. “Ímonos decepcionados” da reunión, asegurou, ao non poder estudar o borrador do estatuto.
AO CONSELLO DE MINISTROS O 26 DE ABRIL
O Executivo anunciou que o borrador será sometido a información pública “nos próximos días” e proxecta levar o documento final ao Consello de Ministros do 26 de abril, o último antes das eleccións xerais do día 28.
EN MAREA PIDE A NACIONALIZACIÓN
Pola súa banda, tamén este luns, a deputada de En Marea Paula Quinteiro lamentou que o presidente do Goberno non tomase “as medidas necesarias” para evitar o peche das plantas de Alcoa en España.
“Seguimos á expectativa”, apuntou a parlamentaria, que cre que a pesar dos “anuncios” do Goberno, o seu grupo non ve “que se resolvera” un problema que, para En Marea, podería solucionarse a través da “nacionalización” das plantas.
LEICEAGA FALA DE “COMPROMISO”
Pola súa banda, minutos antes da rolda de prensa de Puy, o seu homólogo no PSOE, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén puña o foco nos “réditos electorais” en torno ao conflito de Alcoa, neste caso para acusar aos populares de que “preferirían” que o “problema” non tivese “unha solución”.
Para Leiceaga, “o que dixo o pasado domingo” o presidente do Goberno é que existe “o compromiso de que Alcoa terá futuro en España“, algo que “forma parte da liña de traballo que segue o Goberno” desde a chegada dos socialistas á Moncloa en xuño de 2018.
“A ministra de Industria conseguiu que houbese unha prórroga de seis meses para o peche. Estamos nese tempo e interpreto que esa procura de solucións vai na boa dirección”, incidiu o voceiro socialista. “Supoño que o PP preferiría que isto non fose así para sacar rédito electoral”, espetou.