O alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, e mailo vicepresidente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández Queipo, asinaron este martes a escritura dos terreos -con máis de 2.200 metros cadrados- onde se situará a residencia de maiores para os veciños do municipio pontenovés.
Trátase dun espazo na contorna urbá, preto do río Eo e rodeado de zonas verdes, coñecido como a Chousa de Vilaoudriz.
A partir deste acordo, este espazo estará a disposición da Deputación para construír o centro de maiores.
O goberno provincial e mailo Concello asinaron un convenio de colaboración para a adquisición dos terreos e as obras de construción. O goberno local achegou á Deputación preto de 95.000 euros pola compra de parte deste espazo, posto que varias hectáreas foron directamente doadas polos que eran os seus propietarios.
PROXECTO
O presidente da Deputación e alcalde da Pontenova, Darío Campos, explicou que nos vindeiros días presentarase o proxecto e seguidamente licitaranse as obras para comezar a súa execución.
A Deputación ten comprometida unha partida inicial de 1,2 millóns de euros para as obras e o Concello outra de 200.000 euros.
PRAZAS E ACCESO
O centro ofrecerá unhas 50 prazas, 30 de residencia e 20 de centro de día. Terán preferencia de acceso os veciños da Pontenova. O prezo de cada unha delas será en función da capacidade económica dos usuarios para garantir o acceso universal ás mesmas.