Cervo viviu o pasado domingo unha xornada de emocións coa reapertura das escolas vellas trala súa rehabilitación e coa inauguración da mostra ‘Cervo na memoria’, que luciu arredor de 200 fotografías antigas da parroquia.
Centos de veciños ateigaron o edificio para facer un percorrido pola historia da fegresía da man das imaxes, a máis antiga de 1924.
A veciñanza cervense puido contemplar como lociron noutro tempo lugares que lles son familiares, como a fábrica de cerámica de Sargadelos ou a Praza do Souto.
A EVOLUCIÓN DO SOUTO
“A evolución do Souto vese perfectamente, desde as primeiras casas que se fixeron ao lado do río. Pertencía aos Fraga, que cambiaron o terreo por outro co Concello. O goberno local trasladou o mercado desde A Senra e así foi cando comezou a medrar Cervo. Arredor diso viría o baile de Gradaílle ou O Almacén, que comezou cunha empresa construtora e seguiu como ultramarinos”.
Quen explica o devir histórico é o mestre Francisco Piñeiro, que compilou as imaxes co mesmo mimo co que, porta por porta e aldea por aldea, entregou en man as invitacións ao acto a todos os veciños da parroquia.
A VOLTA CICLISTA DE 1929
Pero os cervenses aprenderon tamén historias que lles son máis descoñecidas. Como a da Primeira Volta Ciclista ao Concello de Cervo, que se disputou o 16 de xullo de 1929.
Unha imaxe de Pascual Fernández Saa retrata a proba, organizada pola comisión de festas co patrocinio económico de Manuela Goñi Maíste, viúva de José Manuel Montenegro, que daquela estaba a construír a escola de San Cibrao, inaugurada en 1931.
VÍTIMAS DA REPRESIÓN NA ARXENTINA
A mostra tamén documenta a historia de Graciela Daleo Crego, de orixe cervense e actual catedrática da Universidade de Bos Aires. Esta muller, “desaparecida” durante a ditadura arxentina, foi detida pola súa militancia montonera e retida catro anos na Escola da Armada Arxentina (ESMA). Estivo dúas veces en Cervo, en 1980 e en 1984.
A XENEROSIDADE DOS QUE MARCHARON
Trátase doutra das historias de emigración que fixeron a fegresía. Con motivo do centenario do grupo escolar, legado dos emigrantes, Piñeiro presentou a finais do 2017 o libro ‘Crónica histórico-literaria da parroquia de Santa María de Cervo’, do que a exposición vén a ser un segundo capítulo.
Na súa intervención, Piñeiro agradeceu a xenerosidade dos emigrantes. “A primeiros do século XX en Cervo todo era posible, porque aboiaba no vento o espírito e o sentimento. O 25 de abril de 1909, en Bos Aires, Ramón María Fernández, Miguel e Hipólito Crego, Manuel Candia, Antonio Pardo, José Alvarez e os membros do comité local deron exemplo de unión e esforzo e decidiron combater a ignorancia e fomentar a intelixencia”, expuxo.
Interviron tamén no acto o escritor mindoniense Fran Bouso; Rafa Blas, o presidente de Airiños do Xunco, asociación cultural ás que as antigas escolas serve como sede; o alcalde, Alfonso Villares; e Martín Fernández Vizoso, descendente da familia cervense emigrada a América que foi promotora das escolas, cuxo avó foi o padriño do acto de inauguración do edificio no 1917.
HORARIOS
‘Cervo na Memoria’ poderá verse os días 9, 10, 11, 12, 15, 16 e 17 de abril en horario de 12.00 a 14.00 horas.
REXENERACIÓN
O acto permitiu comprobar o resultado das obras de rehabilitación do edificio, proxectadas e realizadas polo Concello de Cervo con financiamento do Plan Único da Deputación de Lugo.
As actuacións, que precisaron dun investimento de 170.000 euros, respectou a estrutura e os materiais orixinais do edificio.
A obra consistiu na substitución da estrutura de cuberta, instalando novos canlóns e baixantes para evitar filtracións de auga; ademais instaláronse novas portas e ventás de PVC, fíxose o saneamento exterior e interior para evitar humidades e mellorouse o illamento térmico e acústico.
Tamén se incorporaron dous baños, un deles adaptado, xa que os servizos estaban no exterior do edificio. Finalmente, mellorouse a accesibilidade da parte externa do edificio e creouse unha zona axardinada.