InicioEconomíaTrinta e un obreiros de San Cibrao solicitan acollerse ao plan de...

Trinta e un obreiros de San Cibrao solicitan acollerse ao plan de prexubilacións de Alcoa

A empresa ofrecera 101 baixas incentivadas para recolocar traballadores da Coruña e Avilés

Publicada o

- Advertisement -

Un total de 31 traballadores do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao solicitou acollerse ao plan de baixas incentivadas ofrecido pola multinacional para xerar vacantes nas que ubicar obreiros das plantas da Coruña e Avilés, segundo o acordo asinado entre a dirección da empresa e os sindicatos e ratificado polo cadro de persoal en asemblea.

Segundo o documento aprobado, Alcoa ofreceu un total de 101 posibles prexubilacións en Cervo -máis seis prazas para postos directivos- ás que podían acollerse os traballadores de 57 ou máis anos a 31 de decembro de 2018, cun complemento que, sumado á prestación por desemprego, alcanzaría as porcentaxes seguintes: de 57 a 59 anos, o 74% do salario anual bruto ata os 64 anos, e de 60 ata 65 anos, o 78% salario anual bruto ata os 65 anos.

O prazo para formular as solicitudes rematou este luns, 15 de abril. O número de empregados a recolocar será equitativo por parte das dúas plantas -un traballador de Avilés por outro da Coruña- e de solicitar a mesma vacante dous obreiros do mismo nivel, terá preferencia aquel traballador menor de 53 anos –idade de prexubilación obrigatoria nas plantas de San Balandrán e A Grela– con maior antigüidade.

Ademais, como compensación polo traslado de residencia ofreceranse 10.000 euros a cada traballador.

INFORME PARA O GOBERNO

O comité de empresa emitiu un comunicado no que sinalou que segue á espera da concreción dunha data para celebrar a xuntanza solicitada ao Goberno central. Os sindicatos lembran que o Ministerio de Economía comprometeuse a que se fixase unha reunión antes das eleccións xerais.

Os representantes dos traballadores anunciaron que preparan un informe que enviarán ao gabinete do Ministerio, no que reclamarán que o estatuto da industria electrointensiva, cuxo “insuficiente” borrador pon “en risco” a planta de aluminio de San Cibrao segundo Alcoa, “recolla como no resto de Europa a figura do consumidor hiperelectrointensivo“.

Os sindicatos tamén piden que o documento “sente as bases para o desenvolvemento normativo desta figura por parte do futuro Goberno, que deberá contemplar aspectos tan importantes como a fiscalidade do transporte, da xeración ou das renovables“.

Outra das reivindicacións dos traballadores é que o estatuto “garanta a certeza da máxima compensación por CO2 que permite a Unión Europea“.

O informe contempla tamén, segundo expoñen os obreiros, “aqueles investimentos que consideramos necesarios para garantir a viabilidade da industria”, e incluirá unha valoración do impacto dun posible peche da fábrica para A Mariña Lucense.

O comité de empresa do complexo industrial de San Cibrao reitera que “de aprobarse o texto sen contemplar estas reclamacións, abocarase á industria hiperelectrointensiva ao peche“.

CONCENTRACIÓN NA CORUÑA

Os traballadores da Coruña convocaron unha concentración na cidade herculina o 26 de abril, desde a fábrica de Alcoa á delegación do Goberno. Será ás 18.00 horas.

Esa mesma xornada, dous días antes das eleccións xerais, o Executivo central ten previsto aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo, do que por agora non trascenderon modificacións tralo período de alegacións, do que fixeron uso Administracións autonómicas como a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias, empresas, formacións políticas e sindicatos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...