O comité de empresa do xeriátrico de Domusvi en Viveiro denuncia que a firma negouse a remitir acuse de recibo a un escrito presentado polas traballadoras, que reivindican un novo calendario de traballo que sexa “humano” e lles permita descansar.
As obreiras denuncian que a empresa intentou “impoñer” un calendario laboral que contempla “ata 15 xornadas de traballo cun só día de descanso entremedias“.
“Levamos tempo reclamando calendarios laborais que nos permitan compatibilizar a vida laboral e familiar”, explican as obreiras, que lamentan que “só recibimos un programa que contempla ata oito días continuos de traballo“.
As empregadas denuncian que a firma “prohibiu todos os cambios de quendas entre compañeiras” e “tamén se permite dispór das compensacións dos festivos sen ter en conta a opinión das afectadas“.
FALTA DE PERSOAL
As traballadoras resaltan que “na quenda de noite (de 22.00 a 8.00 horas) quedan dúas xericultoras, unha atendendo a planta de psico e a outra con tres andares para vixiar, tendo que facer roldas de cada catro horas ata as catro da mañá, de catro a seis cada 60 minutos, atendendo timbres, cambiando cueiros, e outras incidencias que xorden, e a partir das seis duchar residentes“, expón o comité de empresa.
No tocante ás ATS, afirman que “hai catro cando ten que haber seis” e que “nas noites da fin de semana, a súa quenda queda cuberta por unha xericultora ou auxiliar de enfermería, aínda que nos requisitos da Xunta de Galicia non contemplan tal posibilidade”.
As traballadoras sinalan que se non se atenden as súas “necesidades mínimas” de descanso “as protestas non se van quedar aquí” e que “se os residentes están atendidos é polo sacrificio do persoal e non polos medios que a empresa pon”.