Xornal da Mariña repasa a axenda de ocio da fin de semana.
CASTROPOL
Castropol celebra na fin de semana o seu produto estrela na festa de exaltación gastronómica ‘Somos la ostra‘.
CERVO
O sábado hai xornadas de portas abertas nos negocios que compoñen o centro de emprendemento do conxunto histórico artístico de Sargadelos.
Tamén o sábado, a Asociación de Axuda Ao Enfermo Mental da Mariña celebra os seus vinte anos cunha gala solidaria na que haberá actuacións musicais e teatrais e o sorteo de dúas viaxes. O evento comeza ás 20.00 horas, na Praza dos Campos de San Cibrao.
O domingo, o polígono industrial de Cuíña acollerá a quinta Feira do Gando de Cervo. Desde as 8.00 ás 14.00 poderanse realizar transaccións comerciais. Repartiranse 1.000 euros en premios para os mellores exemplares. Pola tarde, haberá carreiras desde as 16.00 ata as 20.00 horas.
FOZ
O sábado comeza o festival de Voces Xóvenes A Cappella, que cumpre a súa sétima edición. Abrirá o programa Concerto Tempo (sala Bahía, 20.00 horas).
OUROL
A igrexa parroquial de Santiago de Bravos acolle o sábado (20.30 horas) un concerto da banda xuvenil de música O Landro de Viveiro, baixo o título ‘Un día no circo‘.
RIBADEO
Sés presentará o sábado (auditorio Hernán Naval, 21.00 horas) o seu máis recente disco, ‘Rabia ao silencio’, no que canta a Zeca Afonso, Atahualpa Yupanqui ou Mercedes Sosa.
Tamén o sábado, os Xinetes de Remourelle celebrarán a súa novena ruta cabalar, que rematará con comida e verbena.
TRABADA
A Festa da Enfariñada de Trabada cumpre o domingo a súa segunda edición. Ademais do prato típico, do que se repartirán unhas 500 cuncas desde as 12.00 horas, haberá música tradicional, demostracións do oficio do torneiro e, a partir das 16.30, concerto de Susana Seivane.
O VALADOURO
A concentración de motos do Valadouro cumpre 24 anos. Prolongarase do venres ao domingo.
O VICEDO
Continúa a Ruta de Pinchos do Vicedo. Esta fin de semana participarán cinco establecementos de hostalería, con cadansúa especialidade a dous euros (de 20.00 a 23.00 horas).
VIVEIRO
O sábado abrirase a exposición dedicada ao artista viveirense Manuel Bujados. Na biblioteca municipal, a partir das 13.00 horas.
Tamén o sábado, pero desde as 20.30 horas no Pastor Díaz, quenda para o teatro coa obra ‘Castrapo‘, na que actúa a actriz mariñá Estíbaliz Veiga.