InicioEconomíaO Goberno "ningunea" ao comité de Alcoa San Cibrao, que se manifestará...

O Goberno “ningunea” ao comité de Alcoa San Cibrao, que se manifestará o 20 en Santiago

Os traballadores de Cervo convocan unha protesta conxunta cos doutras catro plantas electrointensivas, logo de que o Executivo anulase a reunión prometida o vindeiro día 16

Publicada o

- Advertisement -

EFE/RAMÓN GONZÁLEZ REY. Os comités de Alcoa A Coruña e San Cibrao, Ferroatlántica Sabón e Cee-Dumbría-CCHH e de Celsa Atlántic convocaron este luns unha manifestación conxunta para o vindeiro 20 de maio en Santiago de Compostela para reivindicar “que non se demore máis” a aprobación dun estatuto para a industria electrointensiva que regule o sector.

A marcha partirá ás 12.00 horas desde o Estadio de San Lázaro e concluirá na sede da Xunta de Galicia co lema ‘Por un futuro para a industria electrointensiva’, segundo informou o presidente do comité de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho.

SITUACIÓN “LÍMITE”

O sindicalista sostén que “falta regulación” para as empresas do marco enerxético e que están a ter “moitos problemas” por iso, ata o punto de que se atopan nunha “situación límite“, ante o proceso de peche que afronta A Coruña, planta que busca compradores cun prazo que rematará o 30 de xuño.

Os traballadores do resto de plantas, en alusión ao complexo industrial de Cervo, “ven esta situación nosa como unha posibilidade para elas tamén se non se arranxa”, explica Corbacho, polo que “a preocupación é máxima“.

Os comités de empresa das cinco plantas piden á Administración central que “toca xa regular esta situación cun estatuto”, e á Xunta de Galicia “que faga valer as súas competencias en todo aquilo que ten que ver coa industria, para protexer a que está emprazada en Galicia”.

Ante as próximas eleccións europeas, os convocantes sosteñen que a súa problemática o é a nivel europeo e “hai que regulala. Pedimos que se poñan as pilas e que regulen esta situación en Europa, que se teña en conta que España é unha illa enerxeticamente falando“, expuxo.

O GOBERNO “TRABALLA” NO ESTATUTO

O Ministerio de Industria decidiu non levar ao Consello de Ministros o proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos despois de que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) alertara de que os mecanismos incluídos poderían ser considerados axudas do Estado.

O Executivo central asegura que está a traballar nun novo texto que espera ter en próximas datas e poder mostralo publicamente “co máximo de seguridade xurídica e de rigor”, e asegurou que nos “vindeiros días” aprobará un aumento a 200 millóns de euros -o tope permitido pola Unión Europea- das compensacións por emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro (CO2).

SEN CITA CO EXECUTIVO

O plan do Goberno central non satisfai aos traballadores, que piden “menos xestos e máis feitos”. O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao sospeita que “non hai unha saída” logo de que o Executivo central pospuxese a reunión prometida cos representantes dos obreiros para o vindeiro 16 de maio, sen concretar unha nova data.

O presidente do comité de empresa do complexo sancibrense, Xosé Paleo (CIG), lamenta que o Executivo está “a ningunearnos”, despois de que o gabinete do Ministerio anulase a xuntanza comprometida. Na reunión, os traballadores pretendían expoñer a situación concreta da planta de aluminio sancibrense, que Alcoa ve “en risco” ante a inestabilidade do marco enerxético, e as consecuencias dun posible peche para A Mariña Lucense.

“Cremos que detrás diso está que non hai unha solución para as plantas; non houbo ningunha oferta que facernos antes das eleccións xerais e parece que agora tampouco antes das municipais. En parte por iso nos manifestamos, aínda que a idea de unir a industria electrointensiva galega nunha convocatoria vén de lonxe”, expón Paleo.

PREXUBILACIÓNS

No tocante ao proceso de reubicación de traballadores das plantas da Coruña e Avilés en San Cibrao, Paleo confirma que os aspirantes ás 31 prazas obtidas a partir de baixas incentivadas en Cervo teñen ata o 14 de xuño para presentar as súas solicitudes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...