EFE. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicará esta semana a convocatoria de axudas para custos de emisións indirectas de CO2 por valor de 91 millóns de euros e a ampliación das mesas ata os 200 millóns chegará nas vindeiras semanas, segundo avanzou o secretario xeral de Industria, Raül Blanco.
Blanco, que participou este luns na reunión da denominada mesa de seguemento sobre o futuro das plantas da Coruña e Avilés que a multinacional de Alcoa pretende pechar, indicou que tras recibir o interese de doce empresas por reanudar a actividade deses centros, estase a estudar “un grupo reducido de proxectos”, de nove compañías, que están en proceso de presentar ofertas non vinculantes.
O citado órgano de seguemento do proceso de venta de Alcoa a outras empresas está integrado por representantes do Ministerio de Industria, de sindicatos e de gobernos autonómicos.
Blanco dixo que os proxectos teñen un plan industrial, algúns deles garanten capacidade industrial e laboral tanto en Avilés como na Coruña, e asegurou ser “moi esixente” para facilitar un compromiso antes que venza o praxo fixado, o vindeiro 30 de xuño.
ESTATUTO DAS ELECTROINTENSIVAS
No tocante ao proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos, que o Ministerio decidiu non levar ao Consello de Ministrosdespois de que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) alertara de que os mecanismos incluídos poderían ser considerados axudas estatais contrarias aos principios acordados pola Unión Europea, Blanco afirmou que se está a elaborar un novo texto.
Engadiu que o Executivo central espera concluír ese novo borrador nas próximas datas e mostrar o seu contido publicamente “sempre dentro do rigor e da seguridade xurídica, que é o que sempre quixemos facer, non aprobar un estatuto de calquera maneira”.
A dirección de Alcoa considerou “en risco” a planta de aluminio de San Cibrao de non obter unha tarifa eléctrica rebaixada e estable, obxectivo final do estatuto que o Goberno aspira a aprobar.