Trala presentación, esta semana, de alegacións por parte dos sindicatos aos pregos do novo contrato do servizo de transporte urxente sanitario terrestre, que pretende aprobar o 061, a decisión de non recortar o Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) da ambulancia medicalizada da Mariña Lucense queda en mans da Xunta de Galicia.
Tanto a Unión Xeral de Traballadores (UXT) como a Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciaron que solicitarán modificacións ao proxecto para evitar a supresión dun dos dous técnicos cos que contaba ata agora o servizo -ademais dun enfermeiro e un médico-, pero admiten que o recorte que quere aplicar o Servizo Galego de Saúde (Sergas) entra “dentro da legalidade“, polo que queda a expensas “da vontade política” do Goberno galego “manter a calidade do servizo”.
“No decreto que regula as Unidades de Vixilancia Intensiva (UVI) móbiles, o técnico axudante non está contemplado como unha dotación mínima“, explica Óscar Vázquez, da UXT. Xesús Pastoriza, da CIG, expón que a normativa foi “aprobada en plena crise co Executivo de Mariano Rajoy, nun contexto de recortes”.
MERMA DA CALIDADE ASISTENCIAL
Con todo, Vázquez resalta que se está a cometer “un agravio” coa Mariña Lucense tralo recorte dun profesional na ambulancia medicalizada de Foz, “a única que perde un traballador das dez existentes en Galicia”, e que queda encadrada nunha categoría intermedia -entre os vehículos asistenciais e os de soporte vital avanzado cunha dotación completa- coas do Salnés e Monforte, de nova creación.
As centrais non dubidan de que a supresión dun Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) suporá unha merma da calidade asistencial. “O técnico axudante ten funcións propias e é imposible argumentar que tres persoas ofrecen a mesma atención que catro. É de sentido común”, sinala Vázquez.
Pastoriza avanza que a CIG fara fincapé en que a ambulancia medicaliza de Foz presta un maior número de servizos primarios -paradas cardiorespiratorias, accidentes de tráfico e laborais ou hipoglucemias- ca secundarios, o que invalidaría o argumento da Xunta de Galicia, que aspira a que o servizo da Mariña Lucense se dedique principalmente a traslados e atenda “o secundario” das doenzas tempodependentes.
UN SÓ TES “OBRIGA” A MOBILIZAR “MÁIS RECURSOS”
“Está demostrado que contar cun só técnico implica en moitas ocasións ter que chamar a outra ambulancia, mobilizando máis recursos dos que serían precisos cun TES axudante”, indica. Pastoriza cre que esta supresión se trata “dun proxecto piloto” para aplicar máis adiante noutras ambulancias medicalizadas galegas.
De non aceptar a Xunta de Galicia as alegacións dos sindicatos, as centrais barallan acudir á vía xudicial aínda que admiten ser “pesimistas” sobre a posibilidade de que prospere unha demanda. Así, recoñecen que de non haber unha rectificación, será vital a mobilización social para revertir a vontade do Goberno galego.
REXEITAMENTO SOCIAL
Nas últimas semanas, tanto os TES da Mariña Lucense como todos os partidos da oposición en Galicia posicionáronse en contra do recorte. Mesmo o alcalde de Foz, do Partido Popular, se opuxo publicamente.
Os obreiros aseguran que o número de servizos prestados “vai en aumento”, que a Xunta debera atender á dispersión xeográfica e poboacional da bisbarra e que os helicópteros do 061, con base en Santiago de Compostela e Ourense, “apenas teñen incidencia na comarca”.
Campañas de sinaturas que alcanzaron arredor de 2.600 apoios, concentracións ou vídeos nos que traballadores e pacientes resaltan a importancia da dotación completa do servizo serviron para reivindicar que non se quite persoal da ambulancia medicalizada da Mariña.