EFE. O secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, recoñeceu este luns que, á vista dos resultados electorais, “o ideal sería que houbese un marco xeral” de negociación co Bloque Nacionalista Galego (BNG), dado que ambos partidos terán que poñerse de acordo para gobernar na Deputación, na capital lucense e noutros municipios. Tamén precisou que Darío Campos será a proposta dos socialistas para liderar o goberno provincial.
De feito, os nacionalistas tamén precisarán o apoio dos socialistas para formar goberno en municipios como o de Barreiros, onde se quedaron a un só edil da maioría absoluta. “Promover executivos estables é beneficioso para os cidadáns”, afirmou.
Santos Ramos lembrou que as investiduras non serán “ata o 15 de xuño“, polo que aínda queda tempo para negociar e non é cuestión de “precipitarse”. Nese senso, afirmou que “non houbo ningún contacto aínda” co BNG na provincia de Lugo, á espera de que se decida a posible constitución dunhas “mesas xerais de negociación” entre partidos “máis alá dos marcos local e provincial“.
Segundo Santos Ramos, “non hai dúbida ningunha” de que o PSOE “lidera á esquerda” na provincia de Lugo, polo que agora confía en que “todos” teñan “a cordura abonda para tomar decisións” pensando nos intereses da provincia “e non en anceios persoais ou orgánicos“.
CRÍTICAS A MARTÍNEZ
En alusión ao deputado non adscrito, Manolo Martínez, que tentou rabuñar un representante na corporación provincial coa creación do partido Galicia Sempre, o secretario xeral dos socialistas lucenses sostivo nunha rolda de prensa que nestes comicios quedou demostrado que “o oportunismo non ten espazo” na provincia e produciuse “un claro desterro das actitudes personalistas” na Deputación.
O PSOE mantense como forza máis votada da esquerda, con dez deputados provinciais, aínda que perde un en relación co mandato anterior, que gaña o BNG no Partido Xudicial de Lugo, de xeito que os nacionalistas terán tres representantes na lexislatura que agora comeza.
CAMPOS SUPEROU “GRANDES DIFICULTADES”
Respecto a Campos, Santos Ramos sinalou que “é o meu candidato” porque “conduciu a institución nun momento de gran dificultade política con moito tino” e conseguiu “impulsar importantes proxectos”, malia que “esta lexislatura tivo un custo para o PSOE” pola actitude que mantivo o PP, “abrazado ao transfuguismo” durante todo o mandato para erosionar ao goberno provincial.
O BNG REUNIRASE O MÉRCORES
Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que o partido frontista decidirá en materia de pactos en concellos e Deputacións o vindeiro mércores, na reunión da Executiva.