Os concellos costeiros da Mariña Lucense buscan un ano máis socorristas para as praias da bisbarra. Os municipios do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo precisan case cen profesionais para os areais mariñaos.
Ante as habituais dificultades ao longo dos últimos anos para contratar vixiantes, dada a escasa demanda, os gobernos locais ofrecen mellores salarios ou contratos máis estables para tentar cubrir todas as prazas necesarias, unha quimera na maioría dos casos.
RIBADEO
Ribadeo abriu as convocatorias para a contratación de persoal do servizo de salvamento e socorrismo de praias para a tempada estival de 2019. Un xefe de equipo, 17 socorristas e tres técnicos sanitarios formarán o equipo.
Segundo prevé o Concello, oito deles empregaranse a cargo do Plan de Cooperación da Xunta de Galicia, durante dous meses.
O alcalde en funcións, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, expón que “a intención é dispoñer deste servizo nas praias de Os Bloques, Os Castros, As Illas, Esteiro e As Catedrais“. O Concello abrirá as praias do municipio durante tres meses, do 15 de xuño ao 14 de setembro, período no que estará funcionando este servizo de salvamento e socorrismo.
suárez barcia quéixase das “migallas” que ofrece a xunta, que custeará oito das 21 prazas ofertadas polo municipio
Deste xeito, o rexedor en funcións subliña “o enorme esforzo en investimento que realizamos un ano máis desde o Concello con fondos propios, fronte á pouca axuda que recibimos desde a Xunta, algo que xa non nos sorprende. En Ribadeo estamos acostumados a recibir migallas por parte da Administración galega”, lamenta.
O prazo de inscrición remata ás 14.00 horas do día 10 de xuño, no Rexistro Xeral de Entrada de documentos do Concello. O proceso de selección dos oito postos de socorristas a cargo do Plan de Cooperación da Xunta de Galicia levarase a cabo a través do Servizo Público de Emprego.
O salario do xefe de equipo do servizo de salvamento de Ribadeo alcanza os 1.500 euros brutos ao mes e o do resto de socorristas e de técnicos sanitarios é de 1.300 euros.
O VICEDO
O Vicedo tamén abriu o prazo de solicitudes para a contratación de seis socorristas, para Abrela -que recupera a bandeira azul– e Xilloi. O ano pasado só dispuxo de dous.
Ao igual que Ribadeo, o goberno local vicedense quere atraer participantes aos procesos de selección ampliando a tres o contrato de dous meses que oferta a Administración autonómica. “A idea é que teñan unha maior estabilidade laboral, porque pensamos que é unha das razóns de que non se presenten candidatos”, explica o alcalde en funcións, o popular Suso Novo.
o vicedo ampliará a tres meses o contrato dos profesionais despois de que o ano pasado só atopase dous dos seis precisos
VIVEIRO
A rexedora en funcións de Viveiro, a socialista María Loureiro, reforza esta teoría. “Pensamos que moita xente non se presenta porque non resultan atractivos os dous meses de contrato que custea a Xunta”, expón.
No pasado verán, as dificultades para atopar socorristas fixeron que o goberno local tivese que prescindir de vixilancia para a praia urbá de Covas e reforzar Area, máis desprotexida e galardoada con bandeira azul. Os cinco profesionais contratados non alcanzaban para cumprir a normativa de ter dous vixilantes por areal.
Viveiro, que tamén abriu o prazo de peticións, solicitou nove socorristas para este ano, ao igual que no pasado curso; daquela, obtivo subvención para sete e só asinaron contrato cinco.
BURELA
Burela, pola súa banda, precisa de dez socorristas para controlar as súas praias. Conta con axuda do Goberno galego para empregar a oito, e dous deles serán contratados a través do plan Depuemprego.
CERVO
Cervo foi un dos poucos concellos da Mariña Lucense que puido acadar o pasado verán todos os profesionais que precisaba. Fíxoo despois de ter dificultades durante os anos anteriores para poder atender a Praia do Torno, bandeira azul, e a piscina de Río Covo, que ficou pechada.
O alcalde en funcións, o popular Alfonso Villares, expón que se solicitou á Xunta de Galicia o financiamento para custear un total de sete profesionais, que atenderán o principal areal de San Cibrao e maila piscina.
só cervo e barreiros completaron o persoal requerido a 1 de xullo do verán pasado
FOZ
En Foz, a ausencia de socorristas provocou que a mediados do mes de xullo non se poidesen izar cinco bandeiras azuis. O executivo local, que só puido contratar a oito dos 16 socorristas que precisaba, optou por repartir os profesionais polos areais en lugar de concentralos para evitar a perda dos distintivos.
BARREIROS
En Barreiros, o alcalde en funcións, Alfonso Fuente Parga (PP), expón que o novo goberno municipal será o encargado de establecer as bases de contratación.
Fuente Parga calcula que as praias barreirenses precisarán arredor de 21 profesionais, máis dous ATS. O municipio barreirense foi, xunto con Cervo, o único que conseguiu satisfacer a súa necesidade no tocante a socorristas a 1 de xullo de 2018.
XOVE
O ano pasado, o Concello de Xove debeu abrir varias convocatorias para completar as seis prazas ás que tiña dereito segundo o convenio coa Xunta de Galicia.
Como daquela, o executivo municipal solicitou financiamento para contratar a seis socorristas, coa intención de destinalos aos areais de Esteiro (tres), Lago (dous) e Portocelo (un).
xove e o único concello da provincia que oferta de forma gratuíta o curso de socorrismo
Xove é o único concello da provincia que oferta de forma gratuíta o curso de socorrismo. O departamento de emprego vén de publicar o vídeo-resumo desta pasada edición.
CAUSAS
Precisamente, o prezo do curso acreditativo do título profesional de socorrista é unha das razóns da falta de demanda. A Xunta impuxo unha gran carga lectiva, 300 horas, o que provoca que esta formación custe arredor de 1.400 euros en Galicia, moito máis ca noutras comunidades.
a esixencia da xunta no tocante ao curso acreditativo fai que custe 1.400 euros, o que para moitos non compensa
A necesidade de estar no paro para acceder ás prazas subvencionadas pola Xunta, a inestabilidade laboral, con contratos de dous meses, ou os perigos que supón o traballo, son algunhas das causas que se agochan detrás da escaseza de vixilantes para un xeodestino en auxe como é A Mariña Lucense.