A borrasca ‘Miguel’ deixou case 250 incidencias ao seu paso pola xeografía galega, onde este xoves se rexistraron ventos de ata 132,7 quilómetros por hora (qm/h) en Viveiro e abundantes precipitacións que alcanzaron o seu valor máximo cos 75,6 litros por metro cadrado caídos na localidade coruñesa de Santa Comba.
A estación de Penedo do Galo rexistrou ás 17.00 horas o refacho de vento máis forte da xornada en Galicia, un día de moitas incidencias no que a Xunta de Galicia advertiu do risco das actividades deportivas ao aire libre e no que mesmo houbo que desviar dous voos.
Na Mariña Lucense no houbo que lamentar incidencias graves. O vento si se fixo notar ao tirar a última hora da tarde un par de árbores sobre a estrada no municipio do Valadouro, segundo confirmaron desde o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo.
ALERTA LARANXA ATA A MADRUGADA
A alerta laranxa por temporal costeiro na Mariña Lucense manterase aproximadamente ata as tres da madrugada. Agárdase vento do oeste ou suroeste de forza 8 ou 9, ocasionalmente 10 na contorna da Estaca de Bares, e mar combinado do oeste ou noroeste con ondas de ata sete metros.
A Xunta advirte do risco de achegarse á costa, a diques ou rompentes, ante a posibilidade de que se produza un golpe de mar.
O VENRES, AVISO AMARELO
Para o venres, a advertencia baixará de intensidade, de aviso laranxa a amarelo. A previsión da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) é de temporal costeiro, ata aproximadamente as 10.00 horas, con vento do oeste de forza 7. Agárdase mar combinado do noroeste con ondas de ata cinco metros.