IniciosociedadeXunta e Concellos polemizan pola falta de socorristas: O Vicedo non ten...

Xunta e Concellos polemizan pola falta de socorristas: O Vicedo non ten aspirantes a días da apertura

O Goberno galego insta aos municipios a impartir os cursos, que deste xeito son de balde para os usuarios, mentres que os executivos locais reclaman rebaixar as esixencias da titulación

Publicada o

- Advertisement -

A escaseza de socorristas desatou este mércores a polémica entre a Xunta de Galicia e os municipios da Mariña Lucense, que seguen a ter dificultades para atopar profesionais cos que afrontar o vindeiro verán.

Ribadeo e O Vicedo foron os concellos máis madrugadores en abrir as convocatorias, dado que a intención dos gobernos locais é que as praias estean abertas con servizo de vixilancia desde a vindeira fin de semana ata mediados de setembro, durante tres meses.

O rexedor vicedense en funcións, o popular Suso Novo, explica que só se presentaron tres persoas aos procesos de selección, cando o concello -que conta con dúas praias con bandeira azul, Xilloi e Abrela– precisa alomenos seis. Finalmente, os tres participantes renunciaron aos empregos.

Novo laméntase porque o concello quixo facer un esforzo por financiar aos profesionais un mes a maiores dos dous que custea a Xunta de Galicia, sen que polo de agora se obtivesen resultados.

MALIA QUE o vicedo aumentou a oferta de traballo a tres meses, só se presentaron tres persoas e todas renunciaron

“Quixemos ofrecerlles unha maior estabilidade laboral e contratalos por tres meses, pero parece que non calla e que teremos os mesmos problemas ca o ano pasado”, expón, para engadir ás dificultades que “moitos dos rapaces que traballan como socorristas son rapaces novos e en setembro marchan estudar“.

EN RIBADEO, 14 ASPIRANTES PARA 18 POSTOS

O alcalde en funcións de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, precisou que o Concello só ten 14 candidatos para 18 empregos. A Xunta financia oito por dous meses, o que o rexedor considera “unha miseria”.

Se O Vicedo optou por ofertar máis tempo de traballo, o goberno local ribadense non só ofrece tamén tres meses de contrato, senón que incrementou os salarios; 1.500 euros mensuais brutos para o xefe de equipo e 1.300 para os demais socorristas.

CÚLPANSE MUTUAMENTE DA ESCASEZA DE DEMANDA

Así, as cousas, as administracións locais e a autonómica atribúense mutuamente a escaseza de demanda. Os rexedores subliñan que a duración e o prezo dos cursos de titulación disuaden a moitas persoas de formarse como socorristas, mentres que a Xunta aféalle aos executivos municipais que non se adhiran aos convenios polos que o Goberno galego custea aos beneficiarios os certificados de profesionalidade.

a xunta afirma que é “curioso” que só xove se adhira ao convenio para impartir o curso de formación cando os concellos teñen dificultades

A Xunta emitiu este mércores un comunicado no que lembra que Xove é o único concello da Mariña Lucense que se beneficiou deste programa, co que os cursos de socorrismo -cunha duración de 420 horas e un prezo que ronda os 1.400 euros– teñen un custo de cero euros para os participantes.

“FÓRMULA IDEAL” PARA ALIVIAR O DÉFICIT

A Administración autonómica cre que se trata “dunha fórmula ideal” para acceder á formación e para “corrixir o déficit que cada verán se atopa no litoral para conseguir profesionais titulados”. A Xunta asegura non comprender como, “curiosamente e aínda que son moitos os concellos que teñen dificultades para contratar socorristas, Xove é o único da comarca que promove este curso”.

Entre as “evidentes vantaxes” que incorpora o convenio, remarca a Xunta, está “dispoñer dunha bolsa de titulados a incorporar no programa de socorrismo que se contrata cada verán.

O GOBERNO AUTONÓMICO É “OBTUSO”

Suárez Barcia empraza á Administración autonómica a preguntarse “se todos os alcaldes dos municipios costeiros da Mariña, sexan da cor política que sexan, son malos xestores e pouco eficaces agás o rexedor de Xove”. O primeiro edil en funcións de Ribadeo acusa ao Goberno galego de “actuar dunha maneira obtusa” ante as “queixas continuadas” dos executivos locais.

O GOBERNO GALEGO “DEBE PREGUNTARSE POR QUE ALCALDES DE TODAS AS CORES SON MALOS XESTORES E POUCO EFICACES”, DI SUÁREZ BARCIA

O rexedor critica que a Xunta pretendese “equiparar un curso de socorrismo a un grao universitario. Vemos con tristura como xente de Asturias vén facer ás prácticas á piscina de Ribadeo durante dúas ou tres semanas e saen convertidos en profesionais de garantías. Alí non faltan socorristas”, explica.

NOVO PIDE UNHA FÓRMULA ALTERNATIVA

Novo tamén pide que haxa “unha rebaixa das esixencias“. Aínda que admite que as responsabilidades dun socorrista “non as pode levar calquera”, o alcalde vicedense en funcións opta por unha fórmula alternativa. “Penso que se debera diferenciar entre titulados e axudantes, cunha formación menos esixente para aqueles que non sexan xefes de equipo”, indica.

O ALCALDE VICEDENSE PIDE DIFERENCIAR ENTRE TITULADOS E AXUDANTES PARA ALIVIAR A ESIXENCIA FORMATIVA

Novo tamén subliña que os concellos coma O Vicedo “non temos medios nin persoal” para impartir os cursos. “Os municipios pequenos carecemos de piscina“, lembra.

O que semella claro é que os municipios mariñaos terán de novo dificultades para dotar a tempo ás praias do servizo, e tamén para manter as bandeiras azuis, cuxas esixencias a nivel de seguridade son relevantes. Novo ve complicado xa non abrir os areais vicedenses a vindeira fin de semana, senón incluso no primeiro día de xullo. “Abriremos cando teñamos socorristas“, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...