Ribadeo acollerá o vindero sábado, 29 de xuño, a celebración do Campionato de España de seleccións autonómicas de rugby 7 feminino.
O torneo, no que participarán Galicia, a actual campioa, Asturias, Cantabria, Murcia, Madrid, Cataluña, Baleares, Castela-León, Navarra, Andalucía e País Vasco, celebrarase no Pepe Barrera.
O CLUB LOCAL, Á PROCURA DUN EQUIPO SÉNIOR
O evento foi presentado esta tarde no salón de plenos do Concello ribadense. Guillermo Fernández, do Club de Rugby de Ribadeo, agradeceu á Federación a elección de Ribadeo e á Xunta de Galicia e Deputación de Lugo a axuda prestada.
Fernández destacou o crecemento do club local de rugby, do que o campionato será “o broche de ouro”, e sinalou que “esperamos seguir medrando ata conseguir todo o que club aspira, ese equipo sénior de Ribadeo”.
PROMOCIÓN DA MARIÑA
O xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, salientou que o feito de que a Administración autonómica facilitase o albergue da Devesa, que será reformado con 120.000 euros, “vai dar creo que moita saída para a promoción do rugby a nivel galego, pero sobre todo o que máis nos interesa a nivel provincial e a nivel da Mariña”.
O presidente da Federación Galega de Rugby, Nacho Cociña, manifestou que o campionato “leva un proxecto asociado que é a potenciación do Camiño Norte. Dentro desas actividades, ao longo destes días iremos levando o rugby a todas as localidades que son final de etapa dese Camiño”, precisou.
IGUALDADE
O presidente en funcións da Deputación de Lugo, Darío Campos, dixo que o torneo “significa buscar a igualdade entre homes e mulleres, unha cousa tan demandada hoxe en día”, e mostrouse “orgulloso” de que o goberno provincial colabore co deporte feminino, “ás veces esquecido e que non é fácil poñer en valor”.
REVULSIVO ECONÓMICO
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, afondou no exposto por Campos sobre a necesidade de potenciar o deporte feminino e celebrou que o campionato, no que as tres administracións “están dando todo canto poden”, vai ter un efecto dinamizador da economía e tamén de promoción turística da comarca. “Traerá moitísima xente a vindeira fin de semana a Ribadeo”.