A residencia de maiores de Ribadeo recibirá a subministración de gas cidade “como moi tarde o luns”. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, admitiu que “a certificación para dar de alta o servizo se está a atrasar por dificultades administrativas” pero sostén que non afectou á calidade da atención que se presta.
CRÍTICA DO PP
O rexedor respondeu así ás criticas do Partido Popular (PP), que este mércores daba eco á situación e pedía “explicacións” sobre o funcionamento da residencia.
O voceiro popular Daniel Vega sinalou que a falta de subministración obrigaba “a facer uso dun servizo de cátering para a comida” e “non funcionan a secadora nin o ferro de pasar“.
“CÁTERING DA MÁXIMA CALIDADE”
Suárez Barcia sinalou que se contratou “un servizo de cátering de máxima calidade, sen escatimar en gastos” mentras non se remata a tramitación da alta na subministración.
“Nos primeiros días, con poucos usuarios, puidose preparar a comida nunha cociña doméstica que hai no centro pero coa chegada de máis persoas foi precisa a cociña industrial, que funciona con gas”, detallou.
“Quizais puidemos previr a situación tramitando a alta antes da apertura ou instalando durante uns días bombonas de propano pero cremos que isto non está a causar ningún prexuízo aos usuarios”, argumentou o rexedor, quen acusou ao Partido Popular de “polemizar” e “alarmar” despois de poñer todas “as trabas posibles” á apertura do centro.
PERSOAL POR USUARIO
A oposición tamén cuestionou o cumprimento da ratio de persoal por usuario despois de que “deixaran os seus postos dúas traballadoras“.
Ao respecto disto, Suárez Barcia sostivo que “se trata de persoal da empresa que presta os servizos básicos contratados pola Deputación” polo que non ten un “coñecemento preciso” da situación pero asegurou que o centro está a ser atendido con todas as garantías.
O rexedor tamén aclarou que o persoal “se está ao incorporar progresivamente como se fai cos usuarios”
UNHA VINTENA DE RESIDENTES
O centro de maiores abriu as portas o pasado 14 de xuño con oito residentes e conta agora con 20 usuarias e usuarios. Nos vindeiros días seguirán chegando máis persoas as instalacións, que contan con 47 prazas.