A Praza da Mariña de Burela foi na tarde deste martes un dos epicentros en Galicia dos actos de condena do asasinato machista de Vilalba. O pasado domingo, un home matou presuntamente á súa ex muller, María del Carmen Vázquez Cereijo, de 47 anos, con arma branca.
O Observatorio da Mariña pola Igualdade convocou a concentración, secundada pola Marcha Mundial das Mulleres, para denunciar que o machismo mata e que topará coa loita feminista.
O feminismo galego manifestouse ao longo da tarde nunha trintena de vilas e cidades do país, entre elas Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba ou Chantada.
ACTO EN SAN CIBRAO
Ao mediodía houbo outro acto de protesta, en San Cibrao. A asociación Mujeres en Igualdad y Violencia de Género Cervo e mailo goberno local convocaron unha concentración na Praza dos Campos en repulsa dos asasinatos machistas de Vilalba e de Calpe, en Alacante, que ocorreu o pasado luns.