Lucía Expósito Cao, a muller que foi detida o pasado martes na súa casa de Galdo, no municipio de Viveiro, por asumir os postulados máis violentos dos grupos xihadistas trala súa conversión ao islam, comparecerá este xoves na Audiencia Nacional xunto a tres presuntos colaboradores de Daesh arrestados ese mesmo día en Guipúscoa, ao propagaren o ideario xihadista a través das redes sociais.
A investigada, de 45 anos, será interrogada polo titular do Xulgado Central de Instrución número 5, José de la Mata, segundo informaron fontes xurídicas.
Os detidos en Guipúscoa comparecerán ante a maxistrada titular do Xulgado Central de Instrución número 3, María Tardón.
“IMPACTANTE”
A detención desta muller causou estupor no municipio de Viveiro, onde a alcaldesa, María Loureiro, resumiu o estupor da veciñanza, xa que cualificou o arresto de “impactante” e admitiu que non había sospeitas sobre a detida.
Segundo asegurou o Ministerio do Interior a través dun comunicado de prensa, Expósito fora arrestada en 2018, tras un ano de investigacións. Consciente diso, asumira numerosas medidas de seguridade sobre a súa actividade tanto en Internet como na vida real, coa intención de eludir a vixilancia dos investigadores.
Ademais de consumir propaganda producida por diversos grupos terroristas, a detida celebrou publicamente os ataques perpetrados en Barcelona e Cambrils en agosto de 2017.
“Mesmo mostrou a súa intención de repetir en Galicia un atropelo masivo de características similares”, asegurou Interior. Segundo La Razón, fontes da investigación aseguraron que iniciara trámites para alquilar unha furgoneta, polo que a Garda Civil cre que planeaba un atentado. Unha das hipóteses baralladas é que fose en Santiago de Compostela, con motivo da celebración do Apóstolo.
OUTROS TRES ARRESTADOS EN GUIPÚSCOA
Segundo expuxo Interior, os tres detidos en Guipúscoa -nas localidades de Urretxu, Ibarra e Urnieta-, todos marroquís de 27 anos, formaban “un grupo homoxéneo e cohesionado e introducíronse nos círculos salafistas da provincia”.
Foron arrestados pola súa presunta participación nos delitos de adoctrinamiento e enaltecemento do terrorismo. A investigación constatou que os detidos adquiriran “certa capacidade de captación e adoctrinamento dentro da súa comunidade virtual”, pois empregaban os seus perfís para distribuír imaxes cruentas dos conflitos bélicos sirio e iraquí, acompañadas de comentarios alentando a confrontación relixiosa e a destrución de Occidente e os seus aliados.