A asociación Amigos da Gaita presentou este martes unha nova edición do Día da Gaita e Romaría de Santa Cruz, festa declarada de Interese Turístico Galego. A actuación de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre animará o evento coñecido popularmente como “a Xira”, que se celebrará o vindeiro domingo.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, asistiron á presentación da cita, cuxo programa comezará o sábado.
O SÁBADO, PREGÓN E MOSTRA FOLCLÓRICA
Na xornada da véspera da romaría, os pasarrúas -a partir das 19,30 horas-servirán de preludio do pregón que, a partir das 20.00 horas, correrá a cargo da ex edil de turismo Ana María Martínez Fernández. De seguido será a quenda da actuación das escolas da asociación, que ofrecen unha completa mostra folclórica.
O domingo, desde primeiras horas da mañá, grupos tradicionais encherán a vila co son das gaitas e ao mediodía celébrase unha nova mostra folclórica no Cantón dos Moreno, cos grupos Xirifeiros de Carril e Atrevidos da Barcala para, de seguido iniciar a subida ao monte de Santa Cruz para a celebración da romaría, cos tradicionais xantares campestres.
A media tarde, entorno ás 19.00 horas, terá lugar a ofrenda floral ante o Monumento ao Gaiteiro, que dá paso aos concertos de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e de Pelepau, que adapta temas de tradición galega a distintos instrumentos de percusión.
DÉCADAS DE TRADICIÓN
Este evento folclórico e gastronómico celébrase desde 1965 no monte de Santa Cruz, un lugar que acolle a incomparable atalaia desde a que se divisa toda a bisbarra, aínda que semella que a festa ten orixe nos anos 40.
O ALCALDE PIDE CIVISMO
O alcalde de Ribadeo pediu, a través dun comunicado de prensa, “civismo” aos asistentes á Xira, reiterando a prohibición de dispoñer plásticos e mobles, que serán considerados “residuos” na contorna da festa.