A Concellería de Medio Ambiente de Ribadeo inicia unha campaña de concienciación que pretende evitar que as citas festivas da fin de semana acaben con “lixo en calquera lugar”.
Carteis e pegatinas coa mensaxe “prohibido tirar o lixo” apelarán ao civismo de veciñanza e visitantes en Rinlo e no monte de Santa Cruz, onde se celebrarán a Festa do Percebe e a Xira.
A sinalética remarca unha obriga que recolle a ordenanza municipal de medio ambiente, como sinalou na presentación da iniciativa o edil Jorge Díaz.
“Será a Policía Local a que vele polo cumprimento da normativa. Primeiro farao informando, pero chegado o caso impoñerán as sancións correspondentes, que poden ir dos 30 aos 90 euros”, advertiu o concelleiro.
A campaña extenderase nos vindeiros días “ao resto do municipio” para sensibilizar a ribadenses e turistas.

O PP PIDE MELLORAS NAS CATEDRAIS
A concellería de Medio Ambiente recibiu este mércores críticas do Partido Popular. A edil Elena Sierra acusou ao departamento de desatender o mantemento da contorna da praia das Catedrais.
A representante da oposición lamentou “as malas condicións” da pasarela de madeira do paseo que, dixo, “supón un risco para os usuarios” e das zonas de aparcamento, “sen rozar”.