O comité de empresa de Alcoa San Cibrao solicitou por escrito á dirección da multinacional que continúe co plan de prexubilacións para os traballadores que solicitaron acollerse por escrito a esta posibilidade durante o proceso de compraventa das fábricas de Avilés e A Coruña, que culminou coa venta das factorías ao fondo suízo Parter. Os sindicatos piden que sexan empregados de Empresas de Traballo Temporal (ETTs) e mantedores de auxiliares quenes cubran as vacantes.
Un total de 31 obreiros do complexo industrial de Cervo solicitaron, no prazo que rematou o pasado 15 de abril, acollerse ao plan de baixas incentivadas. A reubicación dun máximo de 106 traballadores das fábricas da Grela e San Balandrán en San Cibrao foi un dos puntos do acordo entre Alcoa e os sindicatos de Avilés e A Coruña.
RESPALDADAS EN REFERENDO
Malia o malestar que xerou este pacto en San Cibrao, ao asinarse sen consultar aos sindicatos da planta cervense, finalmente os obreiros decidiron en referendo respaldar as recolocacións na fábrica, a condición de que se garantisen os contratos de relevo de 41 traballadores.
O comité de empresa da fábrica cervense solicita a Alcoa que a cobertura das vacantes xeradas polas baixas incentivas pasen a ser ocupadas, cun contrato indefinido
na orde establecida para estes contratos, polos traballadores que teñen superada como aptos a avaliación dos sete meses.
“Se ben é certo que os eventuais que teñen superada esta proba teñen un contrato indefinido garantido a raíz dun acordo, tamén o é que van ter que esperar a que se dean as vacantes oportunas, ben por contrato de relevo ou outros motivos”, expoñen os sindicatos. Así, piden que se continúe co proceso coa aprobación das prexubilacións e a formalización dos novos contratos.
“COMPENSAR A SOLIDARIDADE”
Os representantes dos traballadores salientan que Alcoa “incluíu sen contar co comité de empresa” á fábrica de San Cibrao no ERE que afectou a Avilés e A Coruña, e entenden que a multinacional debe “compensar” a “solidaridade amosada por todos os traballadores de San Cibrao, incluíndo ETTs e obreiros de auxiliares, no proceso”.
O ALCALDE URXE AO GOBERNO A ABARATAR A LUZ
O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, urxiu ao Goberno central a que “poña un prezo competitivo” á enerxía para evitar o peche da planta de Alcoa de San Cibrao.
A multinacional norteamericana ameazou co peche da fábrica a finais do pasado mes de maio, cando asegurou que ve “inviable” a produción de aluminio primario -a fábrica cervense é a única deste sector en España- sen electricidade máis barata.
Alcoa iniciou un proceso de redución da produción de aluminino na fábrica cervense dun 5%, que prevé manter ata final de ano.
Villares reitera que “na Mariña Lucense non hai outra alternativa que poida substituír nin minimamente o que supón Alcoa neste momento”. O rexedor asegura que “necesitamos única e exclusivamente un prezo da luz e neste caso é decisión do Goberno. Xa vai moito tempo que se está dilatando esta decisión e, por tanto, son moitos meses nos que estamos nun serio perigo“, conclúe.