O Concello de Ribadeo celebrará este martes duas sesións plenarias. Ás 19:30 horas, terá lugar a convocatoria extraordinaria solicitada polo Partido Popular para abordar o funcionamento da residencia, inaugurada o pasado 14 de xuño.
Os conservadores anunciaron que preguntarán ao goberno local polo servizo de gas do centro, que abriu sen concluír a tramitación da alta na subministración, condicionando a actividade na cociña e na lavandería, e tamén polo ratio de traballadoras por residente.
O alcalde, Fernando Suárez Barcia, adiantou que no referente ao gas “o problema quedou solucionado hai xa moitos días” e remitiu ás explicacións que dará no pleno en relación co número de persoas que atenden o xeriátrico, fixado no contrato de prestación de servizos adxudicado a Clece pola Deputación de Lugo.
MODIFICACIÓNS DE CRÉDITO
Ás 20:30 horas, celebrarase outro pleno extraordinario con varias cuestións sobre a mesa. Así, aprobaranse modificacións de crédito para levar a cabo actuacións de mellora na casa da cultura, que pacede humidades, e obras en camiños rurais de Covelas e da Devesa.
PEPE BARRERA
Ademais, formalizarase o ingreso de 140.000 euros que a Deputación de Lugo achegou para a remodelación do campo de fútbol Pepe Barrera, valorada en 421.000. O executivo local que investiu outros 140.000 na reforma, lamentou que a Xunta de Galicia aínda non fixese efectivo da axuda comprometida, de 46.000 euros.
FESTIVOS
Tamén se fixarán o 8 de setembro, día grande das patronais da honra de Santa María do Campo, e o 25 de febreiro, martes de Entroido, como festivos locais para 2020.