O Concello de Viveiro retomará desde o 31 de agosto o programa ‘Sábados de contos‘, que ofrecerá durante catro fins de semana -ata o 21 de setembro- espectáculos de narración oral para nenos na biblioteca.
A concellería de cultura do Concello de Viveiro impulsa a programación, cofinanciada pola Xunta de Galicia a través das axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística para promoción do uso da lingua galega.
Abrirá o ciclo de contadas, todas elas desde as 12.00 horas, o cervense Felipe Díaz ‘Caxoto’, co espectáculo ‘Contos vellos, novos finais‘, co que prentende rachar estereotipos de xénero, fomentar a coeducación e normalizar entre as vindeiras xeracións a igualdade.
7 DE SETEMBRO
O 7 de setembro será a quenda de Bego Bras, que ofrecerá ‘Historias correntes de xente diverxente‘. O espectáculo conta a historia de Sabela, én apariencia, unha nena calquera; pero de afondar na súa historia, descóbrese que hai moi pouco tempo que se chama así, antes era Daniel. Contos, cancións e teatro serven para concienciar sobre a identidade e a igualdade de xénero.
DÍA 14
Ton Arenas presentará o 14 de setembro ‘Gyrovagus, varietés rural no Camiño‘. O que podería ser unha simple peregrinaxe pola ruta norte cara Santiago de Compostela convértese nun xeito de vida cando o viaxeiro se atopa con Raio de Loubicán e Antolín o bailarín.
DÍA 21
A encargada de pechar a programación será Charo Pita, con ‘Sen barreiras‘. O conto trata dunha nena cega, Helena, que sempre quixo ir ao bosque. Lévaa un cazador co que fará unha aposta: a ver quen é capaz de atrapar o paxaro máis fermoso. A narración dá protagonismo a mulleres de toda condición e idade e interroga á rapazada sobre a necesidade da igualdade mesmo na diferenza.
ENTRADAS DE BALDE
As entradas son de balde ata completar aforo e retíranse na propia biblioteca municipal dous días antes da actividade e daranse ata dúas entradas por adulto.