O Partido Popular de Viveiro esíxelle ao goberno local a “limpeza” do río Fontecova e mais a “reparación” da estrada municipal que transcorre pegada á canle fluvial, que se desbordou e anegou o barrio de Xunqueira o pasado mes de novembro.
Os conservadores denuncian que o cauce “se atopa obstruído en varios puntos debido á caída de materiais das pontes e á súa falta de mantemento” e responsabilizan ao Concello xa que, segundo explican, “as actuacións ordinarias de mantemento e limpeza das canles fluviais en zonas urbanas deben ser exectuadas polas entidades locais”. Neste senso, reclaman a intervención de medios municipais como “medida de prevención ante posibles riadas”.
MELLORAS NA ESTRADA A CARREIRA
Do mesmo xeito, argumentan que as melloras na estrada que vai a Carreira, “en moi malas condicións de seguridade”, competen ao concello. Así, demandan o “marcado lateral” da vía e a “reparación das pontes que dan acceso a fincas e vivendas”. Segundo din, os propietarios vense obrigados agora a percorrer “varios quilómetros” para chegar ás terras.
O CONCELLO PEDIU UNHA REUNIÓN CON NÚÑEZ FEIJÓO
O grupo municipal popular informou da presentación dun rogo ao concello con estas peticións despois de que o pasado martes a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, solicitase unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para atopar unha solución aos desperfectos causados pola riada.