O delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, anunciou este xoves que o Executivo estatal adxudicou por máis de dous millóns de euros a contratación de prototipos que irán dirixidos a “minimizar” o impacto da néboa na autovía A-8, no alto do Fiouco.
A néboa é unha das principais responsables dos frecuentes peches deste tramo de autovía –o último desde a tarde do pasado mércores á mañá deste mesmo xoves-, aberto no 2004 e que permanece cortado ao tráfico ata 600 horas ao ano, 3.000 mil desde que hai rexistros. No 2014, unha persoa pereceu nun accidente múltiple nesta zona.
Por iso, Fomento espera que a nova sinalización que proba a Dirección General de Tráfico (DGT) permita reducir este tempo ás 100 horas ao ano.
a estrada ficou cortada un total de 3.000 horas desde que hai rexistros e 600 de promedio por ano
“SOLUCIÓNS INNOVADORAS”
Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves na subdelegación do Goberno, Losada informou que o Ministerio de Fomento adxudica a sete empresas o desenvolvemento de “solucións innovadoras” baseadas en sistemas de axuda á condución en situacións de néboa e para o desenvolvemento de accións que actúen sobre a brétema. O prazo de execución será dun ano.
O Ministerio de Fomento adxudicou os contratos a sete empresas: tres no lote 1, para o desenvolvemento de solucións baseadas en sistemas de axuda á condución en situacións de néboa; e a catro, no lote 2, para o desenvolvemento de alternativas baseadas en sistemas que actúan sobre a néboa mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento.
As distintas propostas correspóndense con “un sistema de balizamento lateral da vía con luz láser, un sistema de sinalización horizontal con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada e un sistema baseado no uso de balizas intelixentes“.
Ademais, no caso das técnicas para combater a néboa contémplase un sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos, barreiras aerodinámicas cortaventos de porosidade variable, estruturas de formigón abovedadas sobre a calzada con aberturas laterais en toda a súa lonxitude e a combinación de barreiras estáticas e dinámicas que empregan dispositivos fluído-mecánicos.
o lote 1 contempla medidas para axudar ao condutor; o 2, co obxectivo de disipar a néboa
PROBAS NUN TRAMO ANEXO, EN VARIAS FASES
Deste xeito, o Ministerio de Fomento abordará o deseño, a construción e a experimentación con prototipos de solucións innovadoras fronte á néboa, nun tramo de proba anexo ao tramo da autovía A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.
A compra pública precomercial desenvolverase en competencia por fases temporais de carácter eliminatorio. Deste xeito, iranse seleccionando progresivamente as mellores solucións para resolver a problemática existente. Para ese efecto, contémplanse no prego de condicións do procedemento unha fase de demostración da viabilidade, e outra de construción e experimentación en escala real cos catro prototipos elexidos por cada lote.
Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederíase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antiniebla seleccionados para resolver a problemática existente.
MÁIS DE 8.500 VEHÍCULOS CADA DÍA
O delegado do Goberno en Galicia destacou que o obxectivo último destas actuacións é “garantir a seguridade dos usuarios da transcantábrica neste punto conflitivo polo que pasan a diario 8.500 vehículos“.