Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana na bisbarra. O comezo do outono, coa despedida de setembro, ofrece variedade e calidade.
BURELA
Este venres continúan as Xornadas sobre Diversidade Étnico-Racial do Observatorio da Mariña Pola Igualdade. A a actividade trasladarase aos centros educativos. Nos insitutos burelaos Monte Castelo e O Perdouro, Zinthia Álvarez Palomino presentará o seu libro ‘Mulleres negras na ciencia‘. Ese mesmo día inaugurarase unha exposición relativa a este volume que poderá verse no centro de saúde durante un mes.
O sábado pola mañá haberá un obraodiro de títeres con Mircrominia (11.30 horas); pola tarde, o mago Ríchar presentará (18.00 horas) o espectáculo ‘Tecnoiguais‘, enfocado na prevención da violencia de xénero.
A fin de semana tamén depara deporte. O Pescados Rubén Burela FS tentará amarrar os seus primeiros puntos no regreso á Primeira División fronte ao Levante (venres, 21.00 horas).
O sábado será a quenda do vixente campión de Copa e Supercopa, o equipo feminino, que buscará o pleno de vitorias nas tres primeiras xornadas a costa do Majadahonda (18.30 horas, Vista Alegre).
FOZ
Un roteiro e a proxección dun documental de 1946 servirán este sábado para celebrar o rico pasado da parroquia de Vilaronte, corazón industrial de Foz.
LOURENZÁ
Este venres (18.00 horas, consistorio), o Mago Teto presentará en Lourenzá ‘4.500 anos da incrible historia da maxia‘.
MONDOÑEDO
Mondoñedo celebra o sábado a primeira edición do seu Entroido de Outono. Será na Praza do Concello, a partir das 19.00 horas, con premios para os mellores disfraces e degustación de produtos típicos da festa nos locais de hostalería.
Ese mesmo sábado, desde as 20.00 horas, presentarase ‘Bojiganga‘, da compañía asturiana Teatro del Cuervo. A obra, recomendada para maiores de doce anos, incluirá un debate posterior.
RIBADEO
Este domingo, un referente do teatro español, Rafael Álvarez, ‘El Brujo’, interpretará en Ribadeo (auditorio Hernán Naval, 20.00 horas) ‘Autobiografía de un yogui‘, un espectáculo baseado na obra de Paramahansa Yomananda, impulsor do raja yoga en Occidente. A apertura da billeteira será ás 18.30 horas.
Antes, o venres, Ian & Elisa traen á biblioteca municipal (17.30 horas) o espectáculo ‘Somos iguais na maxia‘.
XOVE
Este sábado, cita coa música en Xove co festival solidario Martelazo Rock. Será no centro social do alto do Cruceiro, a fin de recadar fondos para a protectora de animais e tamén para unha entidade de nenos con cancro de médula.
Actuarán Troula and Stone, Sara Gee & Ramblin Matt, Zona Zero, Jeremías, El Babuino e Hammercross.