Este venres comezará a programación da Festa da Faba, un evento que cumpre 29 anos e que a vindeira fin de semana reunirá de novo miles de persoas en Lourenzá. Nun descanso da preparación dos festexos, o concelleiro de cultura, o socialista Manuel Arango, fálanos dunha exaltación gastronómica que foi máis aló, cun amplo programa de actividades, e que os laurentinos “fixeron súa”.
O evento de máis envergadura do ano no municipio.
Seguramente si, é o máis coñecido, practicamente a nivel nacional, e está plenamente consolidado. Probablemente xunto ao Domingo de Piñata, en Entroido, sexa o acontecemento máis multitudinario.
IDENTIDADE
Que significa a Festa da Faba para a xente de Lourenzá despois de case tres décadas?
É unha tradición de moitos anos, é unha festa que toda a xente de Lourenzá fai súa. Trátase de dar a coñecer un produto que nos identifica e facelo visible en toda Galicia e en toda España. Queremos dotalo dun escaparate e por, suposto, beneficiar a venta das fabas, que os compradores se acheguen e que os veciños poidan vender o máximo posible.
Vive moita xente da faba no concello?
Agora mesmo, si. O crecemento tivo que ver con varios factores: un deles foi o feito de que cada vez houbo menos explotacións gandeiras, o que fixo que descendese o cultivo do millo. Tamén influíu que a fábrica de mobles perdeu moitos empregos, polo que houbo xente que tivo que volver ao campo e dedicarse á faba. E creo que tamén afectou a prohibición de cultivar pataca pola couza guatemalteca, que fixo que se utilizasen máis terreos para semente da leguminosa.
Así que para parte da veciñanza, a faba foi e é un salvavidas.
Exacto. A crise económica do rural segue a afectar, non desapareceu, e o cultivo da faba supón unha axuda para as familias.
VERSÁTIL NA COCIÑA
Por que se caracteriza a Faba de Lourenzá?
Non son un experto agrícola nin culinario, pero pódolle dicir a miña opinión (risas). É unha faba que ten unha pel moi fina, que se reduce con facilidade, e que ademais ao cocela non se desfai. Iso fai que absorba os sabores dos produtos cos que se cociña, polo que serve para acompañarse de todo tipo de receitas. Estas características soen atribuírselle ao clima e á composición da terra do Val de Lourenzá.
Ademais da venta, haberá degustacións.
Si. Á parte de que algúns dos postos de fabeiros ofrecerán tapas gratuítas, os locais de hostalería tamén as ofertarán. Tamén haberá degustacións por parte de cociñeiros da Mariña e a degustación que organiza o Concello, nunha caseta instalada na Praza Linares Rivas. Será o sábado e mailo domingo, cun prezo de seis euros por ración, que pensamos que é asequible. Alí se poderá probar a faba, que acompañaremos co viño Regina Viarum, da Ribeira Sacra.
Canto tempo de preparación require un evento así, con tantas actividades?
Pois este ano comezamos algo máis tarde, porque consideramos que o normal e o democrático é que respectar a idea da Festa da Faba que teña o goberno saínte das eleccións municipais. Así que quixemos deixar feito o xusto, pouco máis que os carteis e contratar algunha actuación, porque senón facelo máis tarde é imposible. Así que empezamos ao día seguinte dos comicios. Pero nos anos anteriores, sen esta circunstancia, a preparación iniciouse moito antes, a principios de ano.
ACTIVIDADES PARALELAS
Este ano actuarán, entre outros, Astarot e Vaamonde e Romero, antes foron A Roda e Treixadura. Apostan pola música popular galega. Hai que normalizar a súa presenza nas festas?
Entendo que neste tipo de festas, é importante resaltar, xunto á faba, que é a gran protagonista, unha determinada cultura que é a nosa. As actuacións que traemos tentan estar apegadas a esas tradicións. Destinar o orzamento a unha das consideradas grandes orquestras galegas podería atraer moita xente á noite, pero cremos que non é o que procede, debemos ofrecer unha diversidade.
Este ano, o pregoeiro será Manuel Román.
Levabamos anos tentando convencelo porque tiñamos moi claro que era unha das persoas máis axeitadas. Trátase dun home que coñece de forma fonda a historia de Lourenzá, que está permanentemente estudando o noso arquivo, investigando.
Ademais do exposto, a Festa da Faba ofrece un programa de festa variado.
Así é. Este venres actuará En Clave de Fado, o sábado haberá unha verbena despois de Astarot, Souto Xímaro e A Charanga Mecánica ofrecerá pasarrúas para darlle ambiente á festa e tamén está a décima edición da Carreira Val das Fabas, que atraerá tamén a centos de persoas que virán desfrutar e practicar deporte. Hai actuacións teatrais tamén, exposición de vehículos clásicos, unha xornada sobre drons… Moitas cousas.
Como lle diría á xente de fóra que se achegue a desfrutar da Festa da Faba
Pois que ten a posibilidade de desfrutar dun produto de gran calidade, á par de moitas e diversas actividades paralelas, como dicía antes, e sobre todo diríalle que será ben recibida pola xente de Lourenzá, coma sempre.
Podes consultar o programa completo da Festa da Faba, do 4 ao 6 de outubro, nesta ligazón.