EFE. O conselleiro de Economía, Industria e Emprego da Xunta de Galicia, Francisco Conde, presentou este martes as medidas que trasladará ao Goberno central como propostas para o estatuto do consumidor electrointensivo “ante a súa falta de concreción e de resposta”.
“Decidimos impulsar unha serie de medidas para que o Goberno central poida reaccionar, trasladar confianza ás empresas e manter o emprego e a actividade industrial“, explicou Conde en declaracións á prensa.
En concreto, a Xunta de Galicia pedirá a categorización de determinadas empresas -como Alcoa- como hiperelectrointensivas, así como unha serie de medidas fiscais, como a supresión do céntimo verde, o imposto á xeración eléctrica ou a redución de custos e cargos de peaxe polo transporte.
Por outra banda, o Executivo galego tamén pedirá unha ampliación dos créditos e axudas á compensación polos custos de emisións indirectas de CO2 destas empresas, tendo en conta que o Goberno central “falou dunha posible ampliación, pero non se chegou a concretar“.
“Estas medidas permitirían ás empresas competir en igualdade de condicións se teñen tamén un prezo competitivo para a electricidade, situado nun abano entre os 35 e os 40 megavatios por hora”, engadiu o conselleiro, na liña co que suscitara o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha visita á empresa Cortizo, en Padrón.
Conde entende que esta batería de medidas “son a vía para poder manter o emprego e poder dar resposta ás empresas e, sobre todo, aos traballadores”, xa que nestes momentos “están esperando unha reacción por parte do Goberno central”, por iso a Xunta de Galicia “toma a iniciativa”.
“FRONTE COMÚN ANTE O GOBERNO”
“A Xunta vai trasladar estas medidas aos diferentes grupos políticos para que haxa unha fronte común ante o Goberno e se produza esta reacción: estamos ante unha decisión desde o punto de vista político, industrial e o emprego”, proseguiu o conselleiro, quen lamentou que “levamos un ano esperando polo estatuto do consumidor electrointensivo”, prometido por Pedro Sánchez ata en dúas ocasións. Finalmente, a ministra de Industria, Reyes Maroto, recoñeceu en San Cibrao que non o haberá como mínimo ata a seguinte lexislatura.
INCERTEZA TRALO PLAN DE AXUSTE ANUNCIADO
A venta das fábricas de Avilés e A Coruña, a parada de 32 cubas na planta de aluminio de Cervo, que Alcoa ve “inviable” sen un abaratamento da enerxía eléctrica e o anuncio da multinacional dun plan de axuste para cinco anos que contempla peches de plantas e a redución de produción noutras instalacións -sen concretar ningunha delas- acentuou o medo dos traballadores, que o xoves volverán concentrarse, desta volta na Praza do Concello de Burela (xoves, 20.30 horas). Tanto o alcalde burelao, o socialista Alfredo Llano, como os sindicatos chamaron á sociedade mariñá a respaldar a protesta.