O Resurrection Fest anunciou este luns que quitará o vindeiro 26 de novembro unha nova remesa de 3.000 abonos para a décimo quinta edición do festival. Ademais, a organización poñerá á venta 500 entradas dun só día nesa mesma xornada.
Os abonos, á venta na rede desde as 11.00 horas do 26-n, terán un prezo de 155 euros máis gastos para a fin de semana (venres, sábado e domingo) e de 165 euros máis gastos no caso dos catro días do festival. Non haberá a opción VIP ou Pandemonium, xa que se esgotou ao 100%.
Os promotores queren así premiar cunha “nova oportunidade aos fans de toda a vida” e “limitar a aqueles que veñen por un día ou unha soa banda”. No tocante aos censados en Viveiro, a organización anuncia que a data de saída á venta das entradas bonificadas saberase “proximamente”.
ESTE MES, ANUNCIO DE NOVAS BANDAS
O 15 Resurrection Fest celebrarase do 1 ao 4 de xullo no campo de fútbol de Lavandeiras de Celeiro, no municipio de Viveiro. Xa hai varias bandas confirmadas, entre elas System of a Down, Judas Priest ou KoRn.
Os organizadores do festival de rock duro anunciarán novas actuacións ao longo do mes de novembro. Sobre as zonas de descanso de pago, haberá novidades en decembro.