O Pleno de Lourenzá tomou o acordo unánime de pedir ás administracións autonómica e provincial –Xunta de Galicia e Deputación de Lugo– a súa “implicación directa e total” para buscar unha solución ante a crise que atravesa Muebles Hermida, que se debate entre a venta ou o concurso de acredores.
As tres forzas políticas que compoñen a corporación municipal –PSdeG-PSOE, PP e BNG– piden “unha protección especial” por parte dos gobernos autonómico e provincial para os arredor de cen traballadores da empresa, que levan tres meses sen cobrar. “Cómpre lembrar que é a segunda ocasión en menos de dez anos que Muebles Hermida pasa por unha situación semellante a pesar das importantes subvencións recibidas, sendo en todos os casos os obreiros a parte máis feble desta cadea”, sinalan.
Segundo precisou a rexedora, a socialista Rocío López, as forzas que asinaron o acordo dirixirán un documento conxunto a Xunta e Deputación “pedindo o apoio ante a gravidade da situación que atravesan os traballadores”.
O acordo institucional mostra o “apoio unánime” das tres forzas políticas con representación no Pleno “ás reivindicacións do comité de empresa e dos traballadores de Muebles Hermida” ante “a difícil situación na que se atopan, tratando de ofrecer algunha solución temporal e puntual ante as necesidades básicas que poidan xurdir ata a solución do conflito”.
Asistiu numeroso público á sesión plenaria, e representantes do PSdeG-PSOE e do BNG do veciño municipio de Mondoñedo tamén mostraron o seu respaldo no pleno.
SEMANA CHAVE
Esta semana pode ser chave para o futuro de Muebles Hermida, dado que a dirección dispón dalgunhas ofertas e estuda a venta. Os sindicatos concentráronse ao longo dos últimos días para protestar por impagos de tres meses, e reclamaron un cambio na dirección para facilitar a continuidade da fábrica.