InicioPolíticaFeijóo afirma en Cervo que a Xunta atenderá a "60.000 dependentes" a...

Feijóo afirma en Cervo que a Xunta atenderá a “60.000 dependentes” a final de ano

O presidente da Xunta visitou o centro de día-residencia de San Cibrao, que ten un 50% de ocupación logo de tres semanas da apertura

Publicada o

- Advertisement -

O presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a finais de ano o Goberno galego ofrecerá cobertura a “60.000 dependentes”, unha cifra que, apuntou, supuña o obxectivo marcado para a fin da lexislatura, no 2020. O líder do Executivo autonómico anunciou esta previsión nunha visita á residencia-centro de día de Cervo, situada en San Cibrao.

Feijóo presumiu de datos e subliñou que o orzamento nesta área ascende a 414 millóns de euros, “un 50% máis do que había en 2009. Grazas a este incremento temos esta residencia”, resaltou.

segundo as cifras do executivo galego, a cobertura á dependencia é “do 84%”

O presidente da Xunta afirmou que hai en Galicia “unhas 57.000 persoas con dependencia atendidas”, o que supón “unha cobertura do 84%, sete puntos por riba do promedio nacional”, e engadiu que “o 80% dos dependentes galegos teñen asistencia profesional”, o que sitúa á comunidade “no podio” da mellor atención neste ámbito.

Neste senso, Feijóo instou ao renovado Goberno central a cumprir coa Lei de Dependencia e achegar o 50% da financiación, xa que, asegurou, a Xunta está a custear “o 75% do orzamento“. Nesta alusión, o presidente da Xunta non fixo mención á responsabilidade do anterior Executivo. 

O dirixente do Goberno galego aseverou que “é unha honra estar aquí porque estamos a transformar a política nalgo útil e saldar unha eiva que tiñamos con Cervo. Unha das formas das que se pode medir a prosperidade dunha sociedade é o compromiso interxeracional. Se non o hai, pouco importa o PIB, estaremos en retroceso”, explicou.

“ENTRE 35 E 40 EMPREGOS”

Feijóo felicitouse porque “este centro non só atenderá unha demanda existente senón que tamén é unha empresa que pode dar emprego a entre 35 e 40 familias en función da ocupación”.

“DÍA HISTÓRICO”

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, agradeceu a achega económica da Xunta para o centro de día-residencia, que cifrou en 2,1 millóns de euros, “aos que hai que engadir os 300.000 que puxo o Concello. Sen esa axuda do Goberno galego”, destacou, “este servizo non tería sido posible”. O rexedor asegurou que “hoxe é un día que vai quedar marcado na historia da nosa comunidade”.

“o concello achegou para o servizo 300.000 euros e o goberno galego 2,1 millóns”, precisou o alcalde

O 30% DOS CERVENSES, MAIORES DE 65 ANOS

Villares resaltou a importancia do servizo, xa que, argumentou, “pese a que estamos nun municipio industrializado, cerca do 30% dos nosos 4.300 habitantes son maiores de 65 anos”.

OITO ANOS DE TRÁMITES

O alcalde lembrou que as xestións para a consecución do centro de día-residencia comezaron no 2010 e insistiu en que a demora na súa apertura se debeu á “aposta fundamental” do goberno local de que o servizo fose “de titularidade municipal, para que os veciños de Cervo tivesen preferencia no acceso e para que podamos cambiar os designios ou xestións do xeriátrico se o consideramos necesario”.

“CARIÑO” PARA OS MAIORES

Ángel García Rodríguez, o “Padre Ángel”, acudiu ao acto en representación de Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz Castilla-La Mancha y Galicia, adxudicataria do servizo por dous anos. O sacerdote agradeceu “que confíen en nós” e sinalou que o que necesitan os maiores é “unha casa coma esta e sobre todo cariño, por iso o que lles pedimos aos traballadores é que sexan bos profesionais e cariñosos”.

o xeriátrico cubriu 31 das 54 prazas de residencia e 11 das 24 de centro de día

OCUPACIÓN DO 50%

Sen aínda cumprir o mes da súa apertura, o xeriátrico de Cervo, que abriu o pasado 10 de xullo, ten unha ocupación que ronda o 50%. Cubríronse ata o de agora 31 das 54 prazas de residencia e 11 dos 24 postos de centro de día.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...